O PP confirma o seu pacto con Xácome nun tenso pleno

Os populares rexeitan a última oferta de emción de censura, formulada polo BNG: asinar o desaloxo do alcalde e negociar uns orzamentos
pleno ourense
photo_camera Un momento do pleno desta sexta feira (Foto: Concello de Ourense)

A sesión plenaria ordinaria correspondente a xullo no Concello de Ourense e que decorreu esta sexta feira estivo marcada pola fracasada moción de censura. Unha sesión na que o PP escenificou o seu pacto co alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, de Democracia Ourensá, coa súa abstención para permitir a aprobación do expediente das luces de Nadal.

Após máis dun mes desde a proposta do PSdeG de levar adiante unha moción que permitise desaloxar Xácome da Alcaldía, as posibilidades dun acordo finalizaban esta semana, ao anunciar o PP que rachaban as negociacións.

No mesmo día, os populares trasladaron que lograran que o Concello fixese fronte a pagos adebedados a provedores e traballadores municipais, a ‘conditio sine qua non’ que puñan para desbloquear esta sexta a licitación das luces de Nadal. 

"Micción de censura"

"O mesmo PP que di querer unha alternativa de Goberno estábel para a cidade segue a soster na Alcaldía a Xácome e branquear a súa neglixente xestión", denunciou o grupo municipal do PSdeG. O portavoz do BNG, Luís Seara, pola súa parte, dixo ao PP que "a súa natureza é ser útiles a Xácome cando este o precisa".

"Acaban de facer unha micción de censura", proseguiu, en referencia ao PP, "que non é outra cousa que mexarse sobre as necesidades dos ourensáns".

As alusións á moción de censura foron constantes entre todos os partidos da oposición. Con todo, a sesión plenaria tivo unha última oferta por parte do BNG aos outros grupos: "Se realmente teñen algunha intención de sacar a Xácome da Alcaldía, asinemos a moción e fechémonos onde faga falta e até que teñamos consenso para aprobar o orzamento non saiamos de alí". Desde o PP, porén, volveron fechar esa porta dicindo que o BNG "veta" o Partido Popular para a Alcaldía. 

Comentarios