A Comisión Europea non recibiu ningunha solicitude de fondos para o proxecto de Altri

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, advirte: "Seguiremos presionando en Bruxelas para frear o desastre medioambiental que supón Altri para Galiza".
Protesta apoiada polo BNG diante da sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta apoiada polo BNG diante da sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada electa do BNG, Ana Miranda, chamou esta sexta feira a "seguir presionando en Bruxelas, en Madrid e na Galiza para frear o desastre medioambiental que supón Altri para Galiza". Segundo salientou, ao fío da resposta que recibiu nesta mesma xornada da Comisión Europea a unha pregunta parlamentaria sobre o financiamento con fondos Next Generation da factoría que a compañía portuguesa proxecta en Palas de Rei (A Ulloa), a sociedade galega está "a tempo de paralo", a tempo de que "non se cometa unha atrocidade ambiental cun proxecto que ten unha enorme contestación social".

Tal e como xa confirmaran en abril representantes da Comisión Europea á delegación de plataformas que se opoñen ao proxecto e que mantiveron un encontro na sede do organismo comunitario en Bruxelas —organizado pola eurodeputada do Bloque—, esta sexta a Comisión confirma novamente que "non foi presentada unha proposta por parte do Estado para solicitar os fondos europeos para o proxecto de Altri “que requira a avaliación da fábrica de celulosa e fibras téxtiles situada en Palas de Rei no marco dun PERTE (Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica)".

"Desde que as plataformas estiveron en Bruxelas seguimos coa presión, e máis agora como eurodeputada electa, que estarei na Comisión de Peticións precisamente para parar este proxecto", avanzou Miranda, que sinala que a Comisión Europea, no seu documento, apunta que un proxecto destas características ten que cumprir as distintas normativas e que non pode vulnerar cuestións medioambientais.

Vulneracións medioambientais

Neste senso, Ana Miranda sinala que estas vulneracións "xa están pasando" desde o momento en que Altri pretende "verter auga no río Ulla e no encoro de Portomouros", que precisamente está estes días "cunha enorme contaminación". A nacionalista apunta que tamén estaría pasando desde o momento que "vulnera a Rede Natura 2000", así como desde o momento no que ese proxecto "pode destruír zonas de especial protección" nas que existen especies endémicas.

No encontro decorrido en abril con representantes da Comisión Europea, a delegación galega desprazada a Bruxelas reuniuse con María Teresa Fábregas, directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia; Paul Speight, xefe da Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental, e outros responsábeis de diversas áreas da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.

Neses encontros estes representantes da CE confirmaron que non foi presentada ningunha solicitude oficial por parte do Estado español e que en caso de que se introducise un proxecto destas características debería cumprir "con todos os principios e exixencias de transparencia e tamén exixencias medioambientais e de conflito de intereses" que ten un proxecto destas características, que como moi tarde debería estar executado en agosto de 2026.

Comentarios