O BNG pide un novo financiamento que acabe coa "discriminación" dos concellos galegos

Ana Pontón reivindica a xestión nacionalista nos municipios no primeiro ano de mandato após as municipais de 2023
Encontro municipal BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou á Xunta da Galiza que avance na configuración dun novo sistema de financiamento aos concellos que "remate coa discriminación" e a "discrecionalidade" na repartición de fondos para as administracións locais.

O BNG reuniu esta sexta feira en Compostela ao seu órgano de coordinación dos municipios onde está presente nos gobernos para facer balance do primeiro ano do mandato, no que Pontón considera que quedou "demostrado" que o "modelo BNG" nos concellos reflicte que son "a forza con capacidade para transformar o país" a través de políticas "valentes, vangardistas, transformadoras, pensadas por e para a Galiza e que pon ás persoas no centro".

Neste sentido, puxo Compostela como exemplo das políticas "valentes" do BNG, limitando os pisos turísticos para facilitar o acceso á vivenda. “A valentía amosada pola alcaldesa na regulación das vivendas de uso turístico é un exemplo de traballo con decisión en beneficio da maioría da sociedade, por certo, sen colaboración do goberno galego que ten as competencias e os  instrumentos legais para facelo”, salientou, deixando claro que os concellos liderados polo BNG “van traballar para defender o dereito á vivenda, sabendo que é a Xunta quen ten as competencias e os recursos para actuar nese ámbito”.

Acompañada por rexedores e tenentes de alcalde e coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o seu homólogo pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, á cabeza; Pontón reivindicou que o poder local do nacionalismo como mostra "de que hai outra forma de facer política" para construír "outra Galza".

Así, incidiu en que os gobernos do BNG van na liña de apostar polo "reforzo" dos servizos públicos, medidas para enfrontar a emerxencia climática e "a defensa" dos recursos naturais e patrimoniais, "eliminar os privilexios e amiguismos" na Administración, "recuperar" o espazo público para a cidadanía ou "o impulso" da lingua galega e a cultura.

Pontón reiterou a "falta de recursos que sofren" os municipios galegos por un sistema de financiamento "moi deficitario" e que os "discrimina" ao facer que, por exemplo, que reciban "50 euros menos" por habitante a respecto da media estatal.

Os concellos liderados polo Bloque desenvolven unha acción de goberno que pon en valor o propio, acreditando nas posibilidades do País, desde a colaboración e coa participación activa da sociedade, unha acción política honrada e rigorosa no uso dos recursos públicos”, concluíu Pontón

Comentarios