A Xunta recoñece que vai pagar con até 6 meses de atraso as axudas aos bonos sociais térmico e eléctrico

O Goberno atribúe o atraso nas axudas, que debían de estar liquidadas no primeiro trimestre, a unha "reorganización" interna. 
comisión enerxñía e industria
photo_camera Comisión de Industria e Enerxía que decorreu esta quinta feira (Foto: Parlamento da Galiza)

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta da Galiza, Pablo Fernández, comprometeuse esta quinta feira durante a súa comparecencia na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo a abonar as axudas do bono social térmico e do complemento do bono social eléctrico correspondentes ao ano 2023 aos seus beneficiarios "ao longo do mes de setembro".

Fíxoo en resposta a unha pregunta na Comisión realizada polo deputado Xosé Manuel Golpe (BNG), que lembrou ao Goberno galego que as citadas axudas, “chaves”, dixo, para "combater a pobreza enerxética" e para "as contas familiares" de numerosos fogares galegos, deberían estar liquidadas "no primeiro trimestre do ano".

"O pago dos dous bonos, tanto do social térmico como do complemento do social eléctrico, teñen a prioridade número un da Consellaría", quixo desculparse Fernández Vila, que atribuíu este atraso na tramitación das axudas ao un proceso de "reorganización interna" derivado da remuda no Goberno galego impulsada por Alfonso Rueda após as eleccións galegas do 18 de febreiro.

"Son moitas as usuarias que non recibiron a axuda"

"Neste mes de xuño son moitas as usuarias deste bono social térmico que aínda non recibiron notificación algunha sobre esta axuda", denunciou Golpe durante a súa intervención. O deputado nacionalista afirmou que a mesma situación se dá coas axudas AUX (axudas urxentes de tipo social) "que viñan complementando o bono social para o colectivo de consumidoras vulnerábeis severas en risco de exclusión social".

O director xeral subliñou que "36.042 familias" se teñen beneficiado destas axudas "grazas a un investimento próximo aos nove millóns de euros".

Para Xosé Manuel Golpe, porén, "as medidas de protección social en materia de enerxía son limitadas", e lembrou o deputado nacionalista que a cifra de fogares galegos con carencia material severa achégase aos 51.000. 

Comentarios