Taxa turística

Así é a taxa que propón Compostela para "reequilibrar" os efectos da presión turística e recadar até 3 millóns de euros

O imposto sobre estadías turísticas en Compostela permitiría recadar 3 millóns de euros anuais, unha cantidade que se destinaría a "corrixir os efectos non desexados da turistificación na cidade" e que se aplicaría cun modelo de xestión "transparente" no que participen a cidadanía, institucións, e sectores sociais e económicos. Estas son algunhas das chaves da proposta de imposto turístico presentado esta quinta feira polo Goberno local.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, coa concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e os catedráticos Rubén Lois e César García, na presentación da proposta esta quinta feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, coa concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e os catedráticos Rubén Lois e César García, na presentación da proposta esta quinta feira. (Foto: Europa Press)

"A sociedade compostelá quere a taxa turística, é un clamor". A alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín (BNG), transmitiu esta quinta feira, na presentación do Informe para o imposto sobre estadías turísticas en Compostela, a demanda cidadá dun tributo para gravar o turismo. Acompañada da concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e dos catedráticos da USC e responsábeis do estudo, César García Novoa e Rubén C. Lois; a rexedora emitiu unha mensaxe dirixida ao presidente galego, Alfonso Rueda: "Hai que tomar decisións xa, e é prioritario tramitar este imposto".

O Goberno local puxo esta quinta feira sobre a mesa a súa nova proposta de imposto turístico, que presenta dúas novidades principais. A primeira, que a recadación do imposto turístico —competencia autonómica, non municipal— se ceda ao concello para que sexa este quen o xestione. Para iso, a proposta do Concello de Santiago de Compostela inclúe un proxecto de lei para que se aprobe o tributo no Parlamento galego e se permita esa cesión aos municipios.

"Non é un imposto só pensado para Compostela", explicou Carlos García, catedrático de Dereito da USC, "é para aqueles concellos que queiran aplicalo" e sexan declarados municipios de impacto turístico. A outra novidade é a relativa á "gobernanza" deste novo tributo. "Propoñemos un modelo de xestión con participación da cidadanía, do sector hostaleiro e turístico, de sectores sociais...", apuntou Louzao.

"Unha xestión participativa e transparente", engadiu, que se articularía ao redor de tres foros. Os recursos obtidos co imposto turístico destinaríanse a "corrixir os efectos non desexados da turistificación". A proposta contempla un abano de cinco tarifas: da máis baixa (1 euro por persoa ao día por pernoctar en hostais, pensións...) aos 2,5 euros de máis alta (hoteis de 5 estrelas). "Implicaría recadar 3 millóns de euros anuais", afirmou Sanmartín.

Rubén Lois explicou que para elaborar este informe se compilaron numerosos datos de fluxos turísticos, para alén de estudar os exemplos de taxa que se implantan noutras zonas, como Lisboa, Porto ou as Illes Balears, e apelou á "necesidade de xestionar" o turismo.

Entre os datos que expuxo o catedrático da USC está o de que, entre 2018 e 2023, o prezo do aluguer en Santiago aumentou un 33% mentres caía un 88% a bolsa de pisos para alugar na cidade anunciados nas webs inmobiliarias.

Unha ratio de 9,47 turistas por habitante Lois tamén se referiu na súa intervención ao aumento "desproporcionado" de pisos turísticos nese mesmo período ("están expulsando a xente residente") e indicou que a presión turística na cidade era de 9,45 turistas por habitante, "o que supón 5 puntos máis que en Barcelona".

Comentarios