Obituario

Falece o historiador Xusto Beramendi aos 82 anos

Beramendi foi un dos fundadores do Museo do Pobo Galego, cuxo Padroado presidiu até o ano 2022.
Xusto Beramendi, nunha entrevista con 'Nós Diario' en 2022. (Foto: Arxina)
photo_camera Xusto Beramendi, nunha entrevista con 'Nós Diario' en 2022. (Foto: Arxina)

Xusto Beramendi (Madrid, 1941), catedrático de Historia Contemporánea e especialista na historia das ideoloxías e dos nacionalismos, faleceu en Santiago de Compostela esta pasada madrugada aos 82 anos de idade, tal e como avanzou esta cuarta feira La Voz de Galicia e puido confirmar Nós Diario. Beramendi foi presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego —institución da que foi cofundador— entre 2011 e 2022, cando anunciou a súa retirada.

Esta quinta feira a capela ardente será trasladada ao auditorio do Museo do Pobo Galego e estará aberta ao público desde as 10 até as 13 horas, momento en que que comezará un acto cívico para lembralo. Esta cuarta feira o corpo permanecerá no tanatorio Apostolo Santiago, en Compostela.

O pasado ano recibiu a Insignia de Ouro do Museo do Pobo en recoñecemento á súa traxectoria. Desde o Padroado destacaron daquela que "até o último momento levou o leme de MPG para non desviarse dos obxectivos de medre e anovamento, polo que, coherente coas súas ideas, en maio de 2022, para non perpetuarse no cargo, renunciou á presidencia do Padroado e desbotou a idea de presentarse á reelección".

Naquel momento afirmaba, en conversa con Nós Diario, que o Museo "unha das partes máis importantes" da súa vida "profesional e pública". "Como o foi para García Martínez [cofundador e anterior director do Museo do Pobo Galego]. Os dous temos dous fillos e sempre dicíamos que o Museo era como o noso terceiro fillo. Partiu dunha idea que tivemos en 1976 e que, por fortuna se puido materializar, creo que conseguimos que tivese continuidade", concretaba.

Entre as súas obras atópanse estudos sobre ilustres figuras do país como Vicente Risco, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas, ademais do monumental ensaio De provincia a nación: Historia do galeguismo político, que lle valeu o Premio Nacional de Ensaio de 2008. Beramendi, ademais de impulsor do Museo do Pobo, foi membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco.

Publicou perto de 300 libros e artigos, entre os que destacan títulos como Miseria da Economía (1974), con Eduardo Fioravanti; Vicente Risco no nacionalismo galego (1981); Galicia e a historiografía (1993); A historia política: algúns conceptos básicos (1999); A España dos nacionalismos e as autonomías (2001), con José Luis de la Granja e Pere Anguera; A transición en Galicia (2007), ou A Galicia autónoma (2007). Tamén participou noutras obras colectivas como 15-M: O pobo indignado (2011), Á beira de Beiras. Homenaxe nacional (2011) ou Tempos chegados? Sobre o futuro político de Galiza (2015).

Máis en CULTURA
Comentarios