Fútbol

Vicky Vázquez: "A base do equipo serán as xogadoras galegas"

Presentación da primeira técnica das Celtas.
Vicky Vázquez, durante a súa presentción. (Foto: RC Celta).
photo_camera Vicky Vázquez, durante a súa presentción. (Foto: RC Celta).

A sede do Real Club Celta de Vigo no centro da cidade olívica acolleu esta sexta feira a presentación oficial de Vicky Vázquez, a escollida para comandar desde o banco o proxecto inaugural das Celtas, a sección feminina do conxunto celeste.

En compañía da conselleira Xisela Aranda e do director de Fútbol, Marco Garcés, a ex seleccionadora galega Sub-12 e Sub-15 non ocultou a "ilusión" que supón para ela ser a escollida para o cargo.

Cuestionada sobre cal será o obxectivo neste primeiro curso, indicou que "o ascenso é algo do que non se pode falar, porque hai moitos condicionantes incontrolábeis", engadindo que a base do cadro de xogadoras que están conformando serán "galegas e da zona", mais sen descartar fichaxes "de fóra". 

A oportunidade de tomar as rendas dunha escuadra que debutará neste 2024 na Terceira Federación, a cuarta categoría estatal, logo do acordo asinado para ocupar a praza da Unión Deportiva Mos, chégalle a Vázquez apenas un ano despois de colgar as botas, poñendo fin así a unha longa traxectoria no fútbol vigués.

Membro, xunto coas Ana Buceta, Miriam Señoráns, Carlota, Melissa, Cuchi, Clo, Susi, Miriam Domínguez, Joana, Loreto, Sara, Loty e compañía do lendario Olivo que tornou en 2011 na primeira formación galega que alcanzaba a máxima categoría estatal -na época dourada do Karbo da Coruña aínda non existía a competición ligueira-, en 2016 pasou a un Sárdoma no que militou até a súa retirada en 2023.

Comentarios