Fútbol

Vicky Vázquez dirixirá as Celtas na súa estrea

O equipo feminino do Celta debutará o próximo curso na Terceira Federación.
Vicky Vázquez, nova adestradora do Celta. (Foto: @Vicky_vk4)
photo_camera Vicky Vázquez, nova adestradora do Celta. (Foto: @Vicky_vk4)

O que nos últimos días parecía un segredo a voces en Vigo xa é oficial. A ex futbolista e adestradora Vicky Vázquez será a encargada de dirixir as Celtas, o novo equipo de fútbol feminino do Real Club Celta, durante a tempada da súa estrea na Terceira Federación, a cuarta categoría, ocupando a praza da UD Mos, club co que se asinou un convenio de colaboración.

"Estamos encantadas de anunciar que a adestradora viguesa liderará ao corpo técnico de As Celtas. Benvida, Vicky, xa es unha das nosas", celebrou a conta oficial do equipo na rede social X.

A oportunidade de tomar as rendas dunha escuadra que debutará neste 2024 na Terceira Federación, a cuarta categoría estatal, logo do acordo asinado para ocupar a praza da Unión Deportiva Mos, chégalle a Vázquez apenas un ano despois de colgar as botas, poñendo fin así a unha longa traxectoria no fútbol vigués.

Membro, xunto coas Ana Buceta, Miriam Señoráns, Carlota, Melissa, Cuchi, Clo, Susi, Miriam Domínguez, Joana, Loreto, Sara, Loty e compañía do lendario Olivo que tornou en 2011 na primeira formación galega que alcanzaba a máxima categoría estatal -na época dourada do Karbo da Coruña aínda non existía a competición ligueira-, en 2016 pasou a un Sárdoma no que militou até a súa retirada en 2023.

Comentarios