Trump parte como favorito fronte a Biden no arranque da convención republicana

O Partido Republicano arrancou esta segunda feira a súa convención nacional en Milwaukee. O encontro serviu para elixir a proposta do partido á Vicepresidencia e ratificar Donald Trump como candidato presidencial, que entra no conclave como claro favorito para vencer nos comicios do 5 de novembro.

Donald Trump e o seu candidato á Vicepresidencia, J.D. Vance, esta segunda feira no inicio da Convención Republicana de Milwaukee. (Foto: Mark Hertzberg / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)
photo_camera Simpatizantes do Partido Republicano na convención nacional en Milwaukee. (Foto: Europa Press).

As sondaxes publicadas nas últimas semanas nos Estados Unidos de América (EUA) non teñen dúbidas sobre a vitoria de Donald Trump nas vindeiras eleccións presidencias. A totalidade das enquisas habituais seguidas no país para pulsar a realidade electoral sitúan por diante o aspirante republicano. Así, o modelo baseado nos estudos de opinión do semanario The Economist, publicación da familia Rothschild, moi crítica con Trump, outorga ao candidato republicano 75% de posibilidades de alzarse como presidente.

As tendencias electorais

A mesma tendencia é confirmada polos prognósticos das casas de apostas ou das compañías de predicións. Se as primeiras outorgan de media a Trump unha probabilidade de vitoria de 57%, dentro da segundas, a prestixiosa compañía Metaculus, cun longo historial de acertos, dálle unhas posibilidades de 65%, tras rebaixar as aspiracións de Joe Biden de 47% a 27% nos días seguintes ao debate electoral de 28 de xuño. Neste sentido, a totalidade dos estudos consideran o cara a cara entre Biden e Trump como un punto de inflexión da campaña.

O candidato republicano chegou por diante do aspirante demócrata ao debate do 28 de xuño, mais a partir desa data non deixou de incrementar a diferenza. Así, a sondaxe semanal de The New York Times ampliou a distancia de Trump sobre Biden en tres puntos e a web especializada en enquisas Real Clear Politics en dous puntos. Na mesma dirección, o conxunto das enquisas dan como gañador a Trump nos Estados de Arizona, Michigan, Nevada, Wisconsin, Pensilvania e Xeorxia, cuxos resultados son considerados chave para a vitoria nas presidencias.

Trump parte como favorito nos Estados chave

O presidente dos Estados Unidos elíxese por un sistema indirecto. Os electores escollen por sufraxio universal en cada Estado os seus compromisarios, que conforman o denominado Colexio Electoral, integrado por 538 persoas que designan ao mandatario do país. Malia que Arizona, Michigan, Nevada, Wisconsin, Pensilvania e Xeorxia só achegan 77 compromisarios, ao tratarse de Estados cun electorado dividido onde é posíbel o trunfo de calquera formación, a vitoria dunha e doutra remata por decantar o resultado final. Precisamente en 2016 Trump venceu en cinco deses territorios e en 2020 Biden gañou en todos.

As consecuencias do atentado

As enquisas non mediron aínda o impacto electoral do atentado sobre Trump mais a maioría de analistas considera que a tentativa de magnicidio reforza as súas opcións de cara aos comicios de novembro. Así, por exemplo, o profesor de Relacións Internacionais Universidade Nacional Autónoma de México (Unam), Carlos López Alvarado, apunta que o atentado “acaba de cristalizar a volta á Presidencia de Donald Trump, entón haberá que ver como reacciona o Partido Demócrata, pero poñan quen poñan a realidade é que Donald Trump, a menos de que o deteñan, vai chegar á Presidencia dos Estados Unidos".

Trump reapareceu en público coa orella vendada após o atentado do pasado sábado. (Foto: Mark Hertzberg / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)
Trump reapareceu en público coa orella vendada após o atentado do pasado sábado. (Foto: Mark Hertzberg / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)

O catedrático emérito de Relacións Internacionais na Universidade Camilo José Cela, Rafael Calduch, é da mesma opinión. Nesta liña, destaca que "isto vai influír moito nos indecisos do Partido Republicano que aínda non decidiran o seu voto polo que, xunto cos problemas que xa ten Biden dentro do Partido Demócrata, vai ser decisivo nos próximos dous meses". Ao tempo, destaca a imaxe de fortaleza transmitida por Trump despois do atentado, que contrasta coa sensación de debilidade ofrecida polo candidato demócrata.

A prensa estadounidense partilla esta liña analítica. Así, un medio tan critico con Trump como The Washington Post titulaba na súa edición desta segunda feira que “o atentado contra Trump cambia a campaña electoral e catapúltao á Presidencia”. Neste sentido, o historiador presidencial da Universidade de Rice en Texas, Douglas Brinkley, asegurou en declaración a ese diario que “aos estadounidenses gústalles ver forza e coraxe en circunstancias difíciles e Trump levantando o puño converterase nun novo símbolo, sen dúbida”.

Unha sociedade fendida

Unha boa aparte de analistas culpa do atentado contra Trump á forte división da sociedade estadounidense. Neste punto, unha sondaxe publicada o pasado 29 de xuño polo Instituto de investigación sobre seguridade da Universidade de Chicago indicaba que “10% de estadounidenses está a favor de empregar violencia para impedir que Donald Trump sexa presidente”. A mesma enquisa desvela que “6,9% de estadounidenses estaría a favor da violencia para permitir o regreso de Donald Trump á Casa Branca”.

A tentativa de asasinato contra Trump marcou esta segunda feira a apertura da convención nacional do Partido Republicano na cidade de Milwaukee, no Estado de Wisconsin. O encontro, onde participaron 2.429 delegados e delegadas escollidos no proceso de primarias da organización, convocouse para referendar Trump como candidato do partido á Presidencia dos Estados Unidos e escoller a súa proposta de vicepresidente. E así foi, grazas ao apoio da gran maioría dos delegados.

James David Vance, candidato á Vicepresidencia

A principal incógnita a resolver na convención nacional do Partido Republicano que se desenvolve en Milwaukee desde esta segunda feira e até o 17 de xullo era o nome da persoa que acompañará Donald Trump como candidato á Vicepresidencia nas eleccións do 5 de novembro. Neste sentido, o aspirante presidencial indicou antes de entrar na convención que tiña “algúns candidatos realmente bos; pode que me estea inclinando cara a un lado, e iso ás veces cambia".

James David Vance e Marco Rubio eran as persoas mellor colocadas para rematar como candidatos republicanos á Vicepresidencia, porén, Trump optou polo primeiro, escritor, senador por Ohio e persoa moi crítica coa política exterior da administración Biden.

Comentarios