Alemaña ordenou o primeiro arresto polo ataque ao Nord Stream case dous anos despois

Berlín insiste na versión que culpa un grupo ucraíno.

Olaf Scholz, líder alemán. (Foto: Christoph Reichwein / dpa-Pool / DPA vía Europa Press)
photo_camera Olaf Scholz, líder alemán. (Foto: Christoph Reichwein / dpa-Pool / DPA vía Europa Press)

Medios teutóns publicaron a cuarta feira que Berlín emitiu unha orde de arresto contra Volodimir Z., un instrutor de mergullo ucraíno ao que acusa de formar parte dun equipo do que terían sido identificadas outras dúas persoas, un home e unha muller da mesma nacionalidade e profesión, que considera implicado no atentado en setembro de 2022 contra o gasoduto Nord Stream, que une Alemaña con Rusia.

Os reportes sinalan que Alemaña tería pedido a Polonia en xuño o seu arresto ao descubrir que alí se atopaba o seu último lugar de residencia coñecido. Namentres o xornal Süddeutsche Zeitung sostén que Varsovia non levou a cabo ningunha medida para detelo, a Fiscalía polaca transmitiu á axencia AFP que non foi arrestado posto que abandonou o país a inicios de xullo en dirección a Ucraína.

A revelación produciuse após fechar Dinamarca e Suecia as súas investigacións sen facer públicos os achados e logo de que o Goberno alemán que dirixe Olaf Scholz ratificara que non prevía comunicar detalles das pescudas. Os tres países son membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar controlada polos Estados Unidos.

Poucos meses despois do atentado e tras acusar Rusia os Estados Unidos e o Reino Unido de estar detrás do ataque á infraestrutura internacional, unha investigación do xornalista e premio Pulitzer Seymour Hersh concluíu que militares estadounidenses foron os responsábeis despois de que Washington criticara repetidamente a instalación e chegara a impor sancións á empresa que executou a súa ampliación.

O atentado, unido ás sancións da Unión Europea (UE) contra Rusia pola guerra en Ucraína, incrementou a cota de mercado do gas natural estadounidense no bloque comunitario, alcanzando 20% do total e 50% das vendas de gas natural licuado en 2023.

Descargo de Zelenski

Tras a publicación da investigación de Hersh varios medios occidentais reaccionaron difundindo que o atentado no mar Báltico, unha área xeoestratéxica clave e vixiada constantemente, foi responsabilidade dun grupo ucraíno, mais incidindo en que non hai evidencia que o vincule co Goberno de Kíiv, encabezado por Volodimir Zelenski, mais si con oficiais de alto rango do Exército ucraíno.

Nese sentido, insisten en que as persoas implicadas alugaron un iate en Alemaña con identidades falsas, e desde Rostock, no norte do país, se desprazaron polo Báltico para cometer o atentado antes de regresar ao mesmo porto.

Comentarios