O Constitucional de Tailandia destitúe o primeiro ministro conservador por "grave violación ética"

Hai unha semana foi disolta a formación progresista Avanzar.
Srettha Thavisin a cuarta feira. ( Chaiwat Subprasom / SOPA Images vi / DPA vía Europa Press)
photo_camera Srettha Thavisin a cuarta feira. (Chaiwat Subprasom / SOPA Images vi / DPA vía Europa Press)

O primeiro ministro de Tailandia, o conservador Srettha Thavisin, foi destituído a cuarta feira polo Tribunal Constitucional, que sentenciou que cometeu unha “grave violación ética” ao designar Pichit Chuenban como ministro do seu Executivo a pesar de ter sido condenado a seis meses de cárcere en 2008 entre acusacións de intento de suborno a funcionarios xudiciais.

O veredicto, que contou con cinco votos a favor e catro en contra da maxistratura, tamén implica a disolución do Goberno, que estaba a piques de facer o seu primeiro aniversario.

A denuncia procedía dun grupo de ex senadores que formaron parte da Cámara Alta designada en 2019 a dedo polo Exército. Precisamente esa conformación do Senado impediu que o gañador das eleccións á Cámara de Representantes, o progresista Pita Limjaroenrat, de Avanzar, fora escollido como primeiro ministro -unha capacidade coa que non conta a actual Cámara Alta, nomeada após unha votación restrinxida hai un mes-, levando Thavisin ao poder.

Isto converteu a Cámara Baixa na única que ostenta as competencias para a elección do novo líder do país asiático. Wan Muhamad Noor Matha, o seu presidente, convocou unha sesión para a sexta feira co fin de votar unha substituta.

Represión contra Avanzar

O auto desencadeou unha crise política que xa anticipara a decisión do Constitucional hai unha semana de disolver Avanzar por propor unha reforma da lexislación que condena a penas de prisión calquera crítica contra o rei Maha Vajiralongkorn, inhabilitando a súa dirección, entre eles Pita, para ocupar cargos públicos durante unha década.

As lexisladoras e lexisladores da formación presentaron xa unha nova forza, o Partido Popular.

Comentarios