Tributo a Moncho Reboiras: Néstor Rego acusa o Estado español de vivir do espolio da Galiza

Ferrol, Imo, no concello de Dodro (comarca do Sar) e Vigo centraron esta segunda feira os actos de homenaxe a Xosé Ramón 'Moncho' Reboiras Noia organizadas con motivo do 49 aniversario do seu asasinato a mans da Policía franquista.

Reboiras
photo_camera Néstor Rego, onte en Ferrol, intervindo no acto de homenaxe a Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario).

A Unión do Povo Galego (UPG), o partido no que militou Reboiras, puxo remate á xornada de lembranza ao seu dirixente asasinado cun acto político decorrido no Cantón de Ferrol, moi perto do número 27 da rúa da Terra, onde foi executado o militante nacionalista pola Policía española o 12 de agosto de 1975.

O secretario xeral da UPG e voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, lembrou esta segunda feira na súa intervención os 60 anos que cumpriu o partido o pasado 25 de xullo, para fixar como “principios esenciais” da formación “a defensa dunha nación galega soberana e do dereito de autodeterminación, a autoorganización do pobo galego, o antimperialismo e a defensa da paz mundial, e a construción dunha sociedade nova, sen explotación, visando un futuro socialista para o noso país”.

O secretario xeral da UPG repasou a actualidade galega, situando como fundamental para o vindeiro curso político o debate sobre o financiamento. A este respecto, asegurou que “este é un debate sobre a capacidade da Galiza para se valer por si propia” e chamou a combater “esa idea letal e paralizante de que a Galiza vive da caridade de España, cando a realidade é que España vive do espolio da Galiza”. Nesa dirección, indicou que “romper esa falacia, apagala da mentalidade popular e inxectar confianza nas propias capacidades é a base para que a proposta soberanista do nacionalismo poida coller corpo e avanzar”.

Néstor Rego anunciou “unha grande homenaxe nacional a Moncho Reboiras”, para o vindeiro ano, con motivo do 50 aniversario do seu asasinato. Neste sentido, apostou que o mesmo “sirva para espallar por toda a parte, ao longo e largo do noso país, as ideas e os principios polos que combateu e morreu” e “tamén para o gran recoñecemento social que merece quen deu a súa vida pola liberdade, polo seu pobo e pola súa patria”.

Movemento Arredista

O Movemento Arredista, formación integrada no BNG, organizou os seus actos en lembranza de Reboiras en Imo e Vigo. Neste sentido, a dirixente da formación Elia Lago sinalou a Nós Diario que “vimos reivindicando Moncho Reboiras como un militante que deu a vida por Galiza, pola súa ligazón entre a cuestión nacional e a de clase é necesario dalo a coñecer entre as novas xeracións galegas”. Ao tempo, avanzou unha homenaxe a ao dirixente nacionalista asasinado para o 15 de agosto en Corcubión (comarca de Fisterra).

Ofrenda da Fundación Moncho Reboiras

A Fundación Moncho Reboiras, ligada á Confederación Intersindical Galega (CIG), desenvolveu unha ofrenda floral na mañá desta segunda feira, tamén no cemiterio de Imo. A fundación indicou que “Moncho Reboiras destacou tamén nos primeiros xermes de organización obreira que deron lugar ao actual sindicalismo nacionalista” e asegurou, asemade, que “a contribución de Reboiras aos primeiros xermolos do sindicalismo nacionalista foi fundamental”.

Comentarios