O Básquet A Coruña ponse as pilas de cara á nova campaña

A escuadra laranxa regresa aos adestramentos.
Diego Epifanio dirixiu a súa primeira sesión da tempada 2024/25. (Foto: Básquet Coruña).
photo_camera Diego Epifanio dirixiu a súa primeira sesión da tempada 2024/25. (Foto: Básquet Coruña).

A diferenza do que acontece no fútbol, o baloncesto ten outros ritmos, o que significa que no referente ás dúas principais categorías da súa modalidade masculina, o Leyma Básquet A Coruña non xogará o seu primeiro partido na ACB até o 29 de setembro e o Monbus Obradoiro non fará o propio no seu regreso a LEB Ouro logo de 12 anos consecutivos na elite até esa mesma fin de semana, mais coa data exacta aínda por determinar desde a organización.

Por iso, ambos os conxuntos galegos non retomaron o traballo até esta segunda feira. No caso da entidade laranxa, non obstante, esa sesión inaugural de adestramento non foi no Coliseum, a que será a súa nova casa ao longo da tempada 2024/25 -debido ás esixentes normas da ACB-, senón no que fora o seu fogar ao longo destes últimos anos, o Pazo dos Deportes de Riazor.

A causa é que as obras de adaptación do recinto herculino aínda non están rematadas -e, segundo todas as previsións, non o estarán até, polo menos, dentro dun mes-, polo que o técnico Diego Epifanio dirixiu desde un lugar moi familiar tanto para el como para os oito xogadores (o recuperado Olle Lundqvist, Alex Hernández, Beqa Burjanadze, Goran Huskic, Aleix Foint, Atoumane Diagne, Ingus Jakoviccs e Yunio Barrueta) que lograron o ascenso que continúan na disciplina do Leyma. Non así para dúas das novas fichaxes até o momento, Phil Scrubb e LJ Figueroa, que vestiron por primeira vez a elástica do equipo, a diferenza de Augusto Lima e Trey Thompkins, que traballaron aparte.

Unha vez rematada a xornada, Epifanio dedicou uns minutos a atender os medios de comunicación, destacando o nivel de "esixencia" que deberán afrontar na ACB, unha liga "onde se xoga con moito máis ritmo" e os protagonistas están obrigados "a tomar máis decisións en menos tempo".

O Obradoiro xa dispón de calendario de pretempada

Pola súa parte, o Obradoiro, que tamén volveu esta segunda feira aos adestramentos -agora con Gonzalo Rodríguez no lugar de Moncho Fernández-, tamén confirmou o seu calendario de amigábeis de pretempada, sendo os seus dous primeiros choques o 7 de setembro contra o COB Ourense e o 11 do mesmo mes ante o Mataró catalán.

Comentarios