A corredora neerlandesa Sifan Hassan xa demostrara en Toquio que é capaz de subir ao podio en calquera distancia —foi ouro no 5.000 e o 10.000 e bronce no 1.500—, mais este ano, en París, deu un paso máis aló ficando primeiro no terceiro posto tanto no 5.000 como no 10.000 e vencendo este domingo na maratón... rexistrando ademais un novo récord olímpico (2:22:55). Con todo, vela no máis alto do podio nesta disciplina tampouco resulta sorprendente, pois o ano pasado xa se fixera co título nas grandes maratóns de Chicago e Londres.
A dificultade do circuíto de París non impediu que Hassan —así como este sábado o etíope Tamirat Tola na proba masculina— entrase na historia dos Xogos cunha nova plusmarca nunha carreira moi axustada na que Tigst Assefa, de Etiopía, cruzou a meta practicamente á par coa neerlandesa, con apenas tres segundos de diferenza e disputándolle o ouro até os metros finais. E o bronce levouno a kenyana Hellen Obiri, a 15 segundos de Hassan.
A viguesa Ester Navarrete foi cuadraxésimo segunda nesta proba, a súa primeira maratón olímpica —e, en xeral o seu debut nuns Xogos—, cruzando nove minutos e 12 segundos despois que Hassan.