París 2024

A CONTRACRÓNICA | Historias que merecen ser contadas

Rematan dúas semanas de éxitos, de decepcións e, sobre todo, de moitas emocións que recollemos nestas páxinas para pór en valor e dar a visibilidade que merece ao deporte galego.
Os aros olímpicos presidiron a emblemática Torre Eiffel durante as últimas semanas. (Foto: Sven Hoppe / DPA vía Europa Press)
photo_camera Os aros olímpicos presidiron a emblemática Torre Eiffel durante as últimas semanas. (Foto: Sven Hoppe / DPA vía Europa Press)

Finito. Este domingo poñemos fin a esta primeira incursión de Nós Diario nuns Xogos Olímpicos. Unha aventura que nos levou a percorrer a capital francesa de norte a sur e de leste a oeste durante máis de dúas semanas para acompañar as 32 representantes do deporte galego nunha cita á que chegaban co ambicioso obxectivo de superar as tres pratas e tres bronces conseguidos en Toquio 2020. Finalmente, agás sorpresa nestes dous últimos días, non puido ser, pero ninguén dixo que fose unha tarefa sinxela. Nada escrito e sempre pode haber sorpresas, xa que aquí compiten "os mellores de cada casa", como nos dicía o padexeiro madrileño-groveiro Diego Domínguez, quen no seu debut olímpico foi un deses casos que incumpriu os prognósticos e acabou subindo ao podio no C2 500. "Tío, que somos bronce!", berroulle ao seu compañeiro, Joan Antoni Moreno, nada máis cruzar a meta.

Para el, o terceiro posto soubo a vitoria; para outros, como os sempre ambiciosos Rodrigo Germade e Carlos Arévalo, ou o boxeador Enmanuel Reyes Pla, que viñan pensando só no ouro, pode carrexar unha alegría un tanto máis comedida. Porque a fin de contas o éxito é relativo e subxectivo e depende en boa medida dos sentimentos que che suscite un determinado fito. Que llo digan a Pablo Crespo, que hai tres meses nin soñaba con estrearse nuns Xogos e onte marchou contento como o que máis co seu traballado décimo segundo posto.

Durante estes días vivimos un carrusel de emocións alá onde fomos. Euforia, tristura, risos, prato... Todo depende da perspectiva. O que non é debatíbel, e é algo que moitas veces esquecemos cando vemos as competicións no televisor e chamamos "fracaso" a un diploma olímpico, é todo o esforzo que hai detrás de cada atleta.

Aos Xogos só chegan os mellores homes e mulleres do planeta nos seus respectivos deportes, e para lograr o billete hai que facer enormes sacrificios durante catro anos. Iso vímolo onte reflectido nas bágoas de Sara Ouzande e Carolina García, que marcharon cun diploma no K4 500 e unha regata inconclusa —envorcaron a poucos metros da meta— no K2 500. Ouzande, asturiana con licenza galega, tivo que deixar a súa familia para instalarse no noso país e deixar a pel día tras día no caiac, e García, pontevedresa, compaxinou —nin ela sabe ben como— o deporte de elite cos seus estudos en Biomedicina e Neurociencia.

E estes son só dous exemplos de tantos outros, pois a inmensa maioría das e dos deportistas que estas semanas se aloxaron na Vila Olímpica son xente corrente que ten que buscarse o sustento fóra do deporte, porque malia estaren na elite o retorno económico non abonda, e mesmo pór cartos do seu peto para perseguir ese soño que logo se acaba reducindo a unha efémera aparición.

Horas, días, meses... anos de adestramento para poder competir nunha proba que ás veces dura uns poucos minutos; segundos, nalgúns casos. Unha mala saída, un mínimo despiste, un pequeno imprevisto ou simplemente uns rivais que te superan por unha irrisoria distancia de un centímetro ou unha centésima de tempo, e alá foi todo ese sacrificio pola borda. Toda esa presión provocou que o somocés Miguel Alvariño, un dos favoritos en tiro con arco, acabase renunciando ao soño olímpico. E como el moitos máis.

Cómpre tomar consciencia de que a saúde mental é un factor crucial a ter en conta no deporte de elite e valorar máis o esforzo de todas as atletas. O obxectivo de cubrir os Xogos desde París era, precisamente, pór en valor a todas e cada unha das protagonistas, sen importar se o seu deporte ten moito tirón ou é minoritario —ou minorizado, segundo como se mire—, e así o fixemos.

Polas páxinas de Nós Diario —a diferenza doutros medios que só teñen ollos para determinados deportistas cando teñen unha medalla colgada do pescozo— pasaron, por igual, padexeiras, corredores, 'skaters', nadadoras, triatletas... Porque todas e todos eles axudan a facer cada día máis grande o deporte galego, todas e todos eles teñen historias que merecen ser contadas e todas e todos eles son dignos do mesmo recoñecemento. Só así poderemos seguir medrando e alcanzando novas e ambiciosas metas.

Os Xogos Olímpicos tamén van de política

Sempre que chega unha nova cita olímpica escoitamos iso de que durante estas dúas semanas as guerras e os grandes conflitos internacionais fican á marxe e todas as nacións se dan a man para defender os valores do olimpismo. Un discurso cada vez máis difícil de crer, sobre todo tendo en conta que iso da "tregua olímpica" non son máis que palabras baldías, pois estes días as bombas seguiron caendo sobre unha Palestina que tivo oito representantes en París, a maioría convidados polo COI, porque Israel asasinou "máis de 300" deportistas, segundo estimacións das autoridades palestinas.

Dise moito o de "non mestures a política co deporte", pero acaso non é política que Belarús e Rusia fosen excluídas dos Xogos pola invasión de Ucraína mentres se lle aplica a Israel un baremo completamente distinto? Non é tampouco política, no fondo, todo o balbordo xerado arredor da boxeadora alxerina Imane Khelif e o cuestionamento da súa feminidade? E non o é, a fin de contas, a enxurrada de bandeiras e odas ao patriotismo que vemos en cada recinto? A política, igual que en cada aspecto do noso día a día, tamén está presente no deporte.

Máis en DEPORTES
Comentarios