París 2024 | Piragüismo

"Aínda non me puxen data de caducidade": Teri Portela... a polos oitavos Xogos Olímpicos?

"Entendo que me pregunten despois de cada Xogos polos seguintes, pero na miña cabeza aínda non me puxen data de caducidade, non pensei aínda no fin da miña carreira deportiva", respondeu con rotundidade a canguesa após conseguir o seu sexto diploma olímpico.
Teresa Portela e Sara Ouzande, na zona mixta. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera Teresa Portela e Sara Ouzande, na zona mixta. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Visibelmente afectadas polo resultado final, pero conscientes do que supón o mero feito de participar nuns Xogos Olímpicos, os sétimos xa para Teresa Portela —e sete veces tamén loitou polas medallas—, compareceron esta quinta feira na zona mixta de Vaires-sur-Marne, onde se atopaba un día máis Nós Diario, a canguesa e mais as súas compañeiras do K4 500, a pontevedresa Carolina García, a asturiana —con licenza galega— Sara Ouzande e a estremeña Estefanía Fernández. Foron sextas e polo tanto conseguiron o diploma olímpico, pero hoxe montaban no caiac coa máxima ambición.

"A final non foi comno queriamos. Saímos a tope, conscientes de que podiamos estar no podio, e finalmente non puido ser. Estamos tristes, evidentemente, porque isto se xoga nun minuto e medio e o traballo destes tres anos despois do ciclo de Toquio tocaba poñelo en valor agora, queriamos que se vise reflectido na final... e acabamos sendo sextas. Pero xa está, isto é deporte e hai que aceptalo", dixo Portela.

O caiac das galegas viña de facer o terceiro mellor tempo na eliminatoria. "Nesta final tocaba simplemente centrarnos en facer unha mellor saída e o resto facelo exactamente igual, e finalmente non saíu como nos gustaría. Pero é deporte, como digo, hai que saber aceptalo", reiterou a canguesa, cuxo palmarés suma xa seis diplomas e unha medalla de prata.

A clave da regata estivo, para ela, no elevado ritmo medio que marcaron as neozelandesas, que defendían o título olímpico: "Saímos moi fortes, vímonos moi adiante, pero se nos foron, e aquí conta cada segundo; unha vez que se van xa é moi difícil collelas".

O esforzo duns Xogos vai moito máis aló de dous días de competición, e Teresa Portela sábeo mellor que ninguén. "Todas nós temos que saber, e todo o mundo en xeral, que as medallas son o que queremos, pero aquí hai que premiar tamén o traballo, e ao final é co que eu quedo. Estou máis que orgullosa do traballo que fixemos todas en conxunto, [García, Ouzande e Fernández] deron 100% en cada adestramento, buscando sempre a mellora.

"Todas estivemos loitando por ser mellores", insistiu, ao tempo que deu tamén as grazas ao seu adestrador, ás familias... "E a toda a xente que nos apoiou", engadiu, pedindo tamén "que se valore todo o esforzo e implicación e ser conscientes de que estar nuns Xogos significa estar entre as dez mellores do mundo". "E agora mesmo somos as sextas, e está moi ben", subliñou.

Preguntada por se, aos seus 42 anos e despois da prolífica carreira que tivo no piragüismo, empeza a pensar na retirada, respondeu con moita rotundidade e o sorriso que a caracteriza: "Teri Portela vai haber para rato". "Entendo que me pregunten despois de cada Xogos polos seguintes, pero na miña cabeza aínda non me puxen data de caducidade, non pensei aínda no fin da miña carreira deportiva. Viña aquí sabendo que me encontraba forte, moi ben, que me vía con opcións de estar nun podio, e saímos a por todas. Aquí non se pode saír pensando en ser sextas, saímos a ser primeiras e levamos o sexto, pero loitamos. E eu seguirei coa miña carreira", asegurou.

Máis en DEPORTES
Comentarios