París 2024 | Piragüismo

Teresa Portela, a pola sétima final nos sétimos Xogos: "Sempre hai tensión, e é necesaria"

A canguesa meteuse esta terza feira na final do K4 500 feminino co segundo mellor tempo da súa semifinal, na que se enfrontaba ás actuais campioa e subcampioa mundial. Portela, aos seus 42 anos, non coñece o fracaso, porque é unha palabra que non existe no seu vocabulario: "Quen fai ben unha cousa á primeira, montar en bicicleta por exemplo? Primeiro hai que caer e levantarse. Iso non é fracaso, é aprendizaxe".
A padexeira canguesa Teresa Portela, esta terza feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera A padexeira canguesa Teresa Portela, esta terza feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

A canguesa Teresa Portela é historia viva do deporte galego. Esta terza feira debutou nos que son xa os seus sétimos Xogos Olímpicos e, como non podía ser doutra forma, meteuse na final do K4 500. A sétima tamén para ela. "Este é un momento de celebración. Cando acabei en Toquio propúxenme continuar outro ciclo olímpico máis co obxectivo de clasificarnos no K4 500 para poder estar loitando por outra final, e son moitos momentos de estrés. Primeiro tes que gañar en España, despois ir a un Campionato do Mundo, conseguir unha praza, no mesmo ano revalidala para ir ti... son moitos pasos para chegar até aquí, por iso estou tan ilusionada e feliz", dicía Portela na zona mixta do estadio náutico de Vaires-sur-Marne, onde se atopaba un día máis Nós Diario.

Portela, que comparte caiac coa pontevedresa Carolina García, a asturiana —con licenza galega— Sara Ouzande e a estremeña Estefanía Fernández, tivo que enfrontarse na súa semifinal ás actuais campioa e subcampioa do mundo nesta modalidade, Nova Zelandia e Polonia. Pero iso non impediu que clasificasen co segundo mellor tempo, superando as polacas. "Necesitabamos esta primeira toma de contacto. Levabamos boas referencias na nosa serie [Nova Zelandia e Polonia] e fixemos unha moi boa regata para conseguir o pase directo á final. Marchamos con moi boas sensacións", subliñou.

Agora xa puideron competir na canle de augas tranquilas destes Xogos, que antes desta terza feira deixaba algunhas incógnitas. "Cando viñemos o ano pasado inquietábanos que era moi aberta, porque sabiamos que se hai moito vento iso pode incomodarnos, non só a nós senón a todas na proba... Pero hoxe viuse completamente tranquila e iso é garantía de poder facer a túa competición sen que che prexudiquen as condicións meteorolóxicas", explicou.

Para toda unha veterana como Teresa Portela, de 42 anos, segue habendo tensión antes dunha cita decisiva como esta: "Claro que hai tensión, moita. Traballas cada día moitas horas cun obxectivo, e era dar hoxe ese primeiro paso. Cando hai tanto traballo por medio, tantas horas, queres que se vexa reflectido, e esa tensión é necesaria; o contrario significaría que non é importante".

E cal é a receita do éxito? Como se consegue permanecer durante máis de dúas décadas na elite deste deporte? "Non hai segredo. O único segredo é o traballo, non hai máis", respondeu, con rotundidade, a canguesa. "Traballo, constancia e saber que cada adestramento conta. Se pensas que o adestramento de hoxe non vai valer para o de dentro de tres anos ao final vas ir afrouxando e relaxándote. Para min, cada adestramento é un pasiño máis para achegarme ao meu obxectivo, e así afrontei sempre a miña carreira", engadiu.

Preguntada polas elevadas expectativas que moitas veces se impoñen —ou autoimpoñen— ás e os deportistas olímpicos, Teresa Portela afirma que o fracaso non existe. "Quen fai ben unha cousa á primeira, montar en bicicleta por exemplo? Primeiro hai que caer e levantarse. Iso non é fracaso, é aprendizaxe, aprender e ir cara adiante. Fracaso é non intentalo sequera. Calquera deportista que estea aquí non vai fracasar independentemente de como quede; é só un pasiño máis".

Comentarios