Rueda xustifica o sobrecusto de 470 millóns do Álvaro Cunqueiro: "Foi un sistema excepcional, só acudimos a el unha vez"

O modelo elixido pola Xunta encareceu o hospital en case 500 millóns, segundo o Consello de Comntas.

EuropaPress_6117502_presidente_xunta_alfonso_rueda_rueda_prensa_posterior_reunion_consello
photo_camera Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xustificou o modelo de construción elixido para o hospital vigués Álvaro Cunqueiro. "Era un sistema excepcional para un momento excepcional", afirma.

O Consello de Contas da Galiza publicou un informe no que conclúe que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como levou a cabo a Xunta da Galiza na época da Presidencia de Alberto Núñez Feixoo nun contrato de concerto, xa que suporía un aforro de máis de 470 millóns de euros (IVE incluído).

Preguntado por esta cuestión após o Consello desta segunda feira, Rueda defendeu que era "un momento" de crise económica en 2009 no que, "se non se acudía a este sistema, o hospital non se podía construír ou sería completado moitísimo máis tarde".

Opina que "a pandemia acreditou a necesidade de ter un hospital", o cal, "desde o punto de vista da xestión sanitaria, funciona de modo magnífico". Engade que "só se acudiu a este sistema unha vez", xa que "non podería ser posíbel" doutro modo.

"En todo caso, celebro que a discusión agora sexa o sistema de construción", afirma, pois o titular do Executivo galego lembra aos que criticaban que "era un hospital privado que non ía ter xestión sanitaria pública e que, por tanto, ía ser todo un desastre". "Alégrome moito de que isto xa estea resolto, de que se vira que todo aquilo que dicía a oposición non era verdade", apostila.

Nesta liña, apunta que o propio informe de Contas "recoñece que este era o sistema que permitía construílo nese momento".

Nas súas conclusións, o Consello de Contas asegura que a elección da opción de contratación realizouse "sen unha análise comparativa previo en termos de eficiencia e eficacia con respecto a unha adxudicación de contrato público tradicional".

Comentarios