París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | Non era o día nin o lugar... pero chegará

A fortuna non acompañou hoxe a unha Ana Peleteiro acostumada a crecerse nas grandes citas.
Ana Peleteiro, este sábado,  no Stade de France. (Foto: AFP7 vía Europa Press)
photo_camera Ana Peleteiro, este sábado, no Stade de France. (Foto: AFP7 vía Europa Press)

Intentouno até o final, pero hoxe non era o día. Hai veces que se aliñan os astros ao teu favor, como quen di, e outras nas que te dan as costas por completo. E este sábado foi un deses días. Empezou a diluviar en Saint-Denis cando Ana Peleteiro máis necesitaba ofrecer a súa mellor versión para meterse na loita polas medallas, e a ribeirá, que non tirou a toalla en ningún momento, non puido remontar o voo.

Diciamos esta sexta feira que Peleteiro, que viña a París cunhas expectativas moi altas, ten o don que poucos e poucas atletas posúen de crecerse nas grandes citas para lograr o inimaxinábel, e que gardaba un as na manga para este sábado. É certo, mais non debemos esquecer que as demais tamén xogan, e hoxe a man da dominiquesa Thea LaFond era mellor —gañou sendo a única capaz de superar o limiar dos 15 metros—.

Esta non era a noite dunha Ana Peleteiro visibelmente frustrada porque vía que non lle estaban saíndo as cousas, pero con certeza haberá novas e numerosas oportunidades. E pode marchar ben orgullosa co seu diploma olímpico como sexta clasificada, un premio que non satisfai a súa fame pero que recoñece o seu grande esforzo para chegar aos seus segundos Xogos.

Antes que ela competía no estadio náutico de Vaires-sur-Marne o padexeiro tomiñés Manu Ochoa, quen despois de asinar na contra o reloxo da sexta feira o décimo mellor tempo —de entre 38 participantes— voou na carreira eliminatoria deste sábado para rematar primeiro na súa manga e obter o billete directo á seguinte rolda —este domingo—. Fiquen atentos e atentas a Ochoa, que pode darnos unha grande alegría no caiac cross.

E botando unha ollada panorámica aos deportes de equipos é especialmente loábel o tesón que demostrou a selección estatal de fútbol feminina, coa inestimábel axuda sostendo o temón no centro do campo da pontevedresa Teresa Abelleira —entrou no minuto 51—, para remontar os dous goles en contra que daban vantaxe a Colombia e alcanzar unha tanda de penaltis na que se impuxo por 4 a 2 para conseguir así o pase a semifinais.

Cun novo triunfo fechou a selección estatal de baloncesto feminina, da man das galegas Paula Ginzo e María Araújo, a fase de grupos (70-62 ante Serbia) que se traduciu no billete a cuartos de final co primeiro posto.

Non tivo fortuna, pola súa parte, a valdoviñesa Alicia Fernández coa selección estatal de baloncesto, que se despediu de París este sábado cunha nova derrota, a quinta —cinco de cinco— ante a anfitrioa, Francia (32-24).

Comentarios