Noia e Burela xa teñen calendario na elite do fútbol sala masculino

O primeiro derbi será o 4 de xaneiro de 2025.
O Noia xa non será o único galego na elite da LNFS. (Foto: Noia Portus Apostoli).
photo_camera O Noia xa non será o único galego na elite da LNFS. (Foto: Noia Portus Apostoli).

A próxima campaña na Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS), a máxima categoría masculina a nivel estatal, comezará o 12 de outubro, tres semanas máis tarde do acostumado, a causa do Mundial.

Unha vez sorteado o calendario, nesta ocasión a fase regular do campionato chegará ao seu ecuador o 25 de xaneiro de 2025, cando está programada a xornada 15, logo da cal os oito primeiros clasificados disputarán a Copa de España. Xa o 24 de maio baixará o pano unha competición na que a Galiza terá dous representantes, un máis que na 2023/24, pois ao Noia Portus Apostoli unirase o recentemente ascendido Pescados Rubén Burela

A gran novidade é que, seguindo o modelo que se utiliza no fútbol '11', o calendario adoptará por vez primeira o formato 'asimétrico', o que significa que de agora en diante os partidos da segunda volta non respectarán a mesma orde que os da primeira.

Deste modo, o Noia e o Burela debutarán, nun horario aínda por determinar, ante ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra e Xaén Paraíso interior, respectivamente, colidindo no primeiro derbi galego da tempada na primeira xornada de 2025, e máis concretamente o 4 de xaneiro. Despois, o perdedor dun compromiso que se levará a cabo no fogar da formación laranxa terá a oportunidade de obter o desquite en Noia non moito despois, o 15 de marzo.

O Parrulo Ferrol arranca a Liga como local

Movendo o foco á categoría de prata, O Parrulo Ferrol tratará de lograr un ascenso que se lle resistiu en 2024 nun torneo que botará a andar o 21 de setembro, cando recibirá na Malata o Málaga. Ademais, nesta 2024/25 haberá derbi de novo, logo do ascenso dun Lugo Sala que colidirá co Ibiza na casa.

Comentarios