A Primeira de Fútbol Sala Feminino, a competición 'máis galega', xa ten calendario para a tempada 2024/25

O primeiro derbi non chegará até a terceira xornada de campionato.
O Burela é o vixente campión (Foto: RFEF).
photo_camera O Burela é o vixente campión (Foto: RFEF).

Varias das competicións máis importantes de ámbito estatal escolleron esta semana para sortear os seus respectivos calendarios de cara á vindeira tempada 2024/25.

Deste modo, logo da Primeira Federación de fútbol masculino e a máxima categoría feminina e a segunda para os varóns no baloncesto estatal, esta cuarta feira foi a quenda da Primeira de Fútbol Sala Feminino, que un ano máis será na que teña máis peso a representación galega.

En total foron cinco as escuadras do país as que entraron no bombo (Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar, O Castro Bloques Cando, Marín Futsal e Ourense OnTime), unha menos que na anterior campaña, logo do descenso do Viaxes Amarelle da Coruña.

A sorte determinou que o conxunto da Mariña, vixente campión e triunfador en catro das cinco últimas edicións, debute a domicilio contra un recentemente ascendido, o Lainco Rubí catalán.

Pola súa parte, o segundo mellor clasificado da Galiza no ano anterior, o Poio, tamén terá que desprazarse na súa estrea para medirse ante outro bloque que até 2024 militaba na categoría de prata: Gran Canaria Teldeportivo.

No referente a O Castro, este encarará un desafío de moita maior magnitude na súa casa  fronte o actual subcampión, Futsi Atlético Navalcarnero; Ourense OnTime tampouco o terá doado co sempre complexo Arriva Alcorcón en Madrid; e, finalmente, o Marín recibirá a Associació Esportiva Les Corts de Barcelona.

Todos estes encontros disputaranse na fin de semana do 7 e o 8 de setembro, primeira dun campionato que constará de 30 e baixará a persiana a última semana de maio de 2025, aínda que non haberá que agardar tanto para o primeiro derbi, Marín-Poio, programado na terceira data.

Comentarios