Cobre San Rafael afirma non temer unha sentenza do TSXG contra o seu anterior proxecto: o novo plan "é totalmente diferente"

Cobre San Rafael presentou esta quinta feira en Compostela o seu novo plan para reactivar a explotación de cobre na mina de Touro-O Pino, na comarca de Arzúa. 'Nós Diario' preguntou sobre o futuro do proxecto ao director de Atalaya Mining, Alberto Lavandeira, despois do acto.

Fernado Díaz Riopa, director de proxecto de Cobre San Rafael, e Alberto Lavandeira, director de Atalaya Mining, esta quinta feira en Compostela (Foto: R. S.).
photo_camera Fernado Díaz Riopa, director de proxecto de Cobre San Rafael, e Alberto Lavandeira, director de Atalaya Mining, esta quinta feira en Compostela (Foto: R. S.).

Cobre San Rafael realizou esta quinta feira en Santiago de Compostela a presentación do seu novo proxecto para reactivar a produción de cobre na mina de Touro-O Pino (comarca de Arzúa), que estivo operativa entre 1973 e 1986. Desde 1993 até hoxe, a empresa Explotaciones Gallegas mantivo activa a concesión mineira producindo áridos, un material granulado que se emprega principalmente como materia prima na construción.

Explotaciones Gallegas chegou a un acordo con Atalaya Mining, grupo coñecido pola súa explotación da mina de Riotinto (Andalucía), para o desenvolvemento conxunto do proxecto empresarial Cobre San Rafael. Así, na medida en que se cumprisen unha serie de fitos na explotación de cobre, Atalaya tería cada vez maior participación.

O acto comezou cunha mostra de satisfacción por parte de Cobre San Rafael ante a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) por parte da Xunta da Galiza. O pasado xuño, o presidente galego, Alfonso Rueda, lembrou que esta declaración permitirá "reducir á metade" os prazos para a instalación.

A presentación correu a cargo de Alberto Lavandeira, director de Atalaya Mining, e de Fernado Díaz Riopa, director de proxecto de Cobre San Rafael. Ademais, o acto contou coa presenza de Pablo Fernández, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta, así como de representantes dos Gobernos municipais de Touro, O Pino e Boqueixón (comarca de Compostela).

Na quenda de preguntas -que se debían entregar por escrito para a persoa encargada da moderación lelas-, as formuladas por Nós Diario non foron enunciadas. Con todo, este xornal achegouse após o acto ao director de Atalaya para trasladarlle esas cuestións.

Unha das cuestións realizadas foi sobre as posíbeis consecuencias derivadas dunha eventual resolución negativa para Cobre San Rafael no recurso que realizou ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) contra o rexeitamento da Xunta do seu anterior proxecto unha vez que obtivo unha declaración de impacto ambiental (DIA) negativa.

Lavandeira afirmou a Nós Diario que non temen que haxa consecuencias negativas para o novo proxecto no caso de haber unha resolución do TSXG negativa aos intereses de Cobre San Rafael. "Trátase de dúas cousas paralelas", afirmou o director de Atalaya Mining ao respecto.

Neste sentido, sinalou que a DIA negativa tivo base en dous informes sectoriais, "dubidosos non negativos". Porén, a Xunta  afirmou naquela altura que a declaración negativa partía "da constatación dunha afección real na zona derivada da actividade proposta" e do recoñecemento de que o proxecto "aumentaría a presión hídrica sobre o río".

Con independencia diso, Lavandeira defendeu que o novo proxecto "é totalmente diferente". Neste sentido, negou que poida haber externalidades negativas sobre a bacía do río Ulla derivadas do novo proxecto. "Agora non hai auga", dixo. Ao respecto, durante a presentación, argumentou que a nova presa conterá "area" en máis de 99%, polo que, segundo afirmou, a auga representará unha parte residual do contido do dique. "Hai 0% de posibilidades de que rompa", engadiu a Nós Diario.

Con todo, A SME (Society for Mining, Metallurgy and Exploration) indica que "os relaves son residuos mineiros de tamaño fino que resultan do procesado e recuperación de minerais de interese comercial, xunto con auga de proceso e reactores químicos". Por isto, diversas entidades rexeitan que Cobre San Rafael denomine como depósito de areas o que se considera un depósito de residuos mineiros. 

Dereito á información

En 2021, Ecoloxistas en Acción solicitou á Xunta copia dos plans anuais de labores e do proxecto de restauración da mina de Touro-O Pino. Posteriormente, Cobre San Rafael presentou unha demanda para tratar de impedir que o colectivo tivese acceso á información ambiental solicitada sobre a concesión. 

Finalmente, a petición da mineira non prosperou e, en consecuencia, o TSXG condenou Cobre San Rafael a pagar 3.000 euros polas custas xudiciais. Preguntado pola súa opinión sobre esta sentenza, Lavandeira dixo a este xornal que non ten constancia dos detalles concretos relativos a este proceso.

Contaminación das augas

Durante o acto, os representantes de Cobre San Rafael mostraron fotografías dalgún dos regatos da contorna da mina amosando un estado antigo de contaminación para despois ensinar imaxes que cualificaron de actuais e nas que a auga se atopaba, explicaban, en bo estado. A mineira afirmou que levan anos realizando investimentos para mellorar o estado da auga. "Está mellor ou peor?", preguntou Lavandeira de forma retórica na conversa con Nós Diario.

Ao respecto, este xornal lembroulle que Augas da Galiza iniciou no mes de maio un expediente sancionador após recibir varias denuncias en relación a unha vertedura "non autorizada" de Explotaciones Gallegas, a compañía que actualmente explota a canteira de áridos e socia de Atalaya Mining no proxecto Cobre San Rafael, ao río Brandelos. "Mais isto ten que ver co novo proxecto ou é derivado da anterior explotación?", replicou.

A mineira defende que "o novo proxecto é a solución" aos problemas de contaminación

No transcurso do acto, a mineira defendeu que "o novo proxecto é a solución", en referencia aos problemas de contaminación que padecen os recursos hídricos na contorna da mina, os cales pertencen á bacía do Ulla.  "Non hai que mirar ao pasado, hai que mirar ao futuro", concluíu Lavandeira a Nós Diario.

A Fiscalía abre dilixencias contra Augas da Galiza polas verteduras

Segundo informou esta quinta feira Ecoloxistas en Acción, a Fiscalía da Coruña acordou abrir dilixencias de investigación preprocesal para indagar se hai indicios de delito no proceder de Augas da Galiza con respecto á "contaminación procedente da mina de Touro", cuxa concesión pertence á empresa Explotaciones Gallegas, que na actualidade produce áridos e que chegou a un acordo con Atalaya Mining para a reactivación da produción de cobre.

Ecoloxistas En Acción denuncia "unha autorización de verteduras encuberta"

A Fiscalía reclamou, tanto á Consellaría de Economía e Industria como a Augas da Galiza, documentación sobre as supostas verteduras e sobre a actuación da Xunta ante a presunta contaminación ambiental. Fíxoo despois de que Ecoloxistas en Acción solicítase a apertura dun proceso xudicial alegando que, "a pesar de anos de interpor continuadas denuncias", o Goberno galego aínda non rematou coas "drenaxes contaminantes" desta mina.

Ademais, Ecoloxistas en Acción considera que Augas da Galiza ten que paralizar a "autorización de verteduras encuberta" outorgada á empresa Explotaciones Gallegas, "que lle permite achicar augas tóxicas da balsa de lodos mineiros do Vieiro ao río Pucheiras", extremo sobre o que a Administración ten aberto outro expediente. Ao respecto, a organización lembra que o Pucheiras é tributario do río Brandelos, o cal desemboca no río Ulla, onde xa forma parte da Rede Natura 2000, apenas catro quilómetros augas abaixo, nunha zona protexida que inclúe a desembocadura na ría Arousa. "Non hai dúbida" de que a mina "é a causante deste grave impacto ambiental", concluíu o colectivo.

Comentarios