UUAA presenta unha proposta para facilitar o relevo nas explotacións lácteas galegas

Unións Agrarias (UUAA) presentou esta terza feira o proxecto Smart Farm Saving, unha iniciativa que ten como obxectivo traballar para diminuir o abandono das explotacións leiteiras galegas. Segundo o sindicato, desde 2015 desapareceron 4.000 granxas neste sector na Galiza.

Óscar Pose, de UUAA, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Óscar Pose, de UUAA, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

Unións Agrarias (UUAA) presentou esta terza feira en rolda de prensa o proxecto Smart Farm Saving, unha iniciativa que ten como obxectivo coñecer o número e as circunstancias que atravesan as explotacións lácteas galegas e tentar evitar o feche daquelas que non teñen substitución xeracional. Segundo explicou o responsábel da área do sector lácteo da organización, Óscar Pouse, a idea é "evitar a sangría que se está producindo nas explotacións gandeiras" con especial atención ás lácteas "por ser un sector no que está a haber un feche de 300 e 400 explotacións ao ano".

Por este motivo, UUAA quere contactar con aquelas explotacións que a "catro ou cinco anos vista teñen previsto o seu feche", facer unha análise destas e da súa viabilidade, e estabelecer un proceso de negociación con aquelas persoas a quen lles interese continuar coa súa actividade.

Pose comentou que, por tanto, Smart Farm Saving ten dous grandes obxectivos: reflectir a través dunha base de datos a situación das produtoras lácteas galegas e proporcionar un servizo de asesoramento para os participantes do proxecto.

O coordinador tamén explicou que, actualmente, está a solicitar "os datos das 30 oficinas que ten a UPA na Galiza" e que prevén terminar de reunir a información "a finais de 2026" para poder comezar a materializar os traspasos das explotacións que se sumen ao proxecto.

4.000 explotacións "desaparecidas" na Galiza

Ao longo da súa intervención, o representante da organización  agraria manifestou a súa preocupación pola situación que está a atravesar o sector lácteo galego. Neste sentido, quixo pór cifras á situación que pasa o sector. "En 2015, cando finalizou a cota láctea, na Galiza tiñamos 9.500 explotacións. A día de hoxe, o último dato publicado polo Ministerio de Agricultura son 5.500", asegurou Pose, "polo que nested últimos nove anos desapareceron 4.000 explotacións", agregou.

Así mesmo, o responsábel de UUAA resaltou que os datos cos que traballan demostran que o proxecto que están a levar a cabo é "amplo e ambicioso", mais asegurou que se trata dunha iniciativa "necesaria" e que polo momento está a recibir, agora mesmo, unha "moi boa acollida".

Comentarios