O Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ante a solicitude da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), mostrou esta segunda feira a súa "preocupación polo impacto que a implantación da fábrica de celulosa e fibra téxtil de Altri tería no patrimonio cultural da zona de Palas de Rei (na comarca da Ulloa)" e solicitou "por unanimidade que se realicen os estudos patrimoniais independentes pertinentes".
Fíxoo a través dun comunicado logo de ser tratado o asunto nun Consello de Departamento e de valorar os documentos expostos a información e valoración pública entre o 4 de marzo e o 17 de abril de 2024 relativos á Solicitude de Autorización Ambiental Integrada (AAI), Estudo de Impacto Ambiental (EIA) e o Proxecto para a implantación da industria e as súas infraestruturas asociadas.
Trátase dunha documentación, publicada o propio 4 de marzo no Diario Oficial da Galiza (DOG) e que, a falta de datos oficiais –que Nós Diario reclamou, sen éxito, en reiteradas ocasións á Consellaría de Economía e Industria–, recibiu máis de 20.000 alegacións contabilizadas por concellos, colectivos e entidades como a Plataforma Ulloa Viva. Este dato sitúanos diante dunha das maiores cifras de alegacións presentadas diante dun proceso industrial na Galiza nos últimos dez anos.
Sen estudos exhaustivos
Así, e coñecendo os informes, o profesorado do Departamento de Historia da Arte da USC considerou que, no relativo ao patrimonio cultural, os documentos expostos a información pública "resultan insuficientes, carecendo de estudos específicos exhaustivos sobre o conxunto de bens culturais da zona, tendo só en conta unha pequena parte do Camiño de Santiago francés, o Castro de Remonde e o Castelo de Pambre", ambos situados en Palas de Rei, "así como a súa área de protección".
O profesorado de Historia da Arte da USC concorda coas pautas de recomendación publicadas polo Comité Nacional Español do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos). Nun comunicado publicado o 17 de abril, este organismo afirmaba que sería preciso lear a cabo unha Avaliación de Impacto Patrimonial Independente á xa pagada pola empresa. "Considérase que este estudo debe ter en conta os diversos bens patrimoniais da zona, así como considerar os posíbeis impactos visuais, acústicos e de percepción que a fábrica e o seu contexto terían no caso de ser implantada", figura o comunicado do profesorado de Historia da Arte.
Desde este departamento consideran ademais que as medidas de mitigación propostas en ditos informes son "insuficientes", e critican que non abordan "os prexuízos económicos que implicaría nos ámbitos turístico e patrimonial, vertebrados principalmente polo Camiño de Santiago francés, recoñecido como Patrimonio da Humanidade pola Unesco desde 1993 e Primeiro Itinerario Cultural do Consello de Europa en 1987".
Por todos estes motivos é polo que o profesorado do Departamento de Arte da USC, preocupado polo impacto que o Proxecto Gama –como se coñece a iniciativa de Altri na Ulloa– tería sobre o impacto cultural, insta por unanimidade a que se realicen os "estudos patrimoniais independentes pertinentes, paralizándose o proxecto mentres estes estudos pormenorizados non se leven a cabo".