As Aguias inaugura unha mostra de fotos do oftalmólogo Antón Beiras

As fotografías, de gran valor artístico e etnográfico, foron realizada por Beiras nun dos veráns que pasou na casa familiar da muller, a pedagoga Antía Cal.

Unha das imaxes da exposición.
photo_camera Unha das imaxes da exposición.

O vindeiro día 24 de xullo, ás 12 horas, o Legado Activo Beiras Cal, presentará no lugar das Aguias (Muras), a exposición fotográfica A malla de Pascual, 1957, con imaxes do oftalmólogo e investigador Antón Beiras.

As fotografías, de gran valor artístico e etnográfico, foron realizada por Beiras nun dos veráns que pasou na casa familiar da muller, a pedagoga Antía Cal.

Segundo o crítico de arte Carlos L. Bernárdez, "o primeiro que chama a atención do labor do Antón Beiras fotógrafo, que se percibe nesta serie, é a vontade de dignificación e a intensa valoración cultural da identidade que reflicten as súas imaxes, que captan un pobo que mantén con orgullo a súa actividade vital nunha Galiza que está a mudar".

"A actividade fotográfica de Beiras é froito do seu punto de vista de home fortemente comprometido coa realidade cultural e social galega. Percíbese na serie un coñecemento das tendencias documentais e da presenza da fotografía na cultura galega. Na liña do traballo de José Suárez ou Carlos Velo, semella querer participar na idea de crear unha imaxe galega liberada dos tópicos costumistas".

Antón Beiras

Antón Beiras García (Compostela 1915, Vigo 1968) exerceu como ofmatólogo en Vigo durante dúas décadas. Durante ese período, significouse pola súa capacidade profesional e polas súas achegas ao estudo do estrabismo. Neste sentido, acadou sona polas súas pesquisas desta enfermidade ocular e pola invención dun aparello denominado Vigoscopio, que permitía un exame a fondo dos ollos. 

O compromiso de Antón Beiras con Galiza mantívose intacto nos anos da ditadura. Militante do grupo xuvenil nacionalista Ultreia e da Federación de Mocidades Nacionalistas durante o período republicano, fixo parte do sector arredista deste colectivo, até o punto de ser o responsábel que a organización asumise como seu himno, a letra elaborado por Brañas para himno da Galiza, onde se reivindicaba “a independencia da nosa patria”.

Beiras fixo parte do núcleo fundacional de Galaxia en 1950, integrando o seu primeiro consello de administración. Canda Rufo Pérez non tardou en separarse do grupo por discrepancias respecto a táctica seguir, manténdose como galeguista independente en contacto co resto das forzas da oposición democrática

A súa prematura morte con 53 anos primou ao país dun científico de primeira orde e dunha persoa comprometida de xeito inquebrantábel coa cultura galega.

Máis en CULTURA
Comentarios