MÁIS

Gozar de San Xián no Hío

Lecer nas temperadas augas da ría de Aldán
Actuación dos Gorrillas a pasada semana no local San Xián, na praia homónima de Pinténs, parroquia do Hío (Cangas). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Actuación dos Gorrillas a pasada semana no local San Xián, na praia homónima de Pinténs, parroquia do Hío (Cangas). (Foto: Nós Diario)

A semente do bar San Xián ten unha raíz bastante fortuíta. O local, situado na praia de San Xián en Pinténs, na parroquia do Hío, Cangas (O Morrazo), abrírono Mari e Anxo Otero, tía e sobriño. Pero en principio non ía ser así: unha terceira persoa ía emprender o negocio con Mari mercando un predio na parroquia do Hío, mais botouse atrás. Foi entón cando Anxo, con algúns anos de experiencia na hostalaría na sua época de universitario, entrou ao paso e decidiu unirse á súa tía.

De aquí en diante nada sería azar senón intención e ilusión ante todos os atrancos para pór o local en pé. O primeiro deles foi o sitio, sinala en declaracións a Nós Diario, o propietario Anxo Otero. Cando parecía que xa tiñan un terreo -noutra praia- houbo un problema coa dona e tocoulles volver buscar e ningún os convencía.

Ese é o momento no que, afirma Anxo, "case non existe o chiringo por que non había forma de montalo coas complicacións das licenzas e atopar finca". Malia isto a ilusión pesaba máis que desalento e, finalmente, a través dun coñecido que "xa tivera estabelecemento en San Xián", chegoulles a oferta para situar o local.

Ademais, todo fiouse de boa maneira xa que os donos da finca eran "colegas" dos avós de Anxo polo que xa había un aprecio e familiaridade cos compradores. Desta forma, "incluso fóra de data", naceu o bar. Tampouco foi fácil "estar catro meses con dous traballos e mantelo". Malia todo, o desafío definitivo sería interno: definir e acordar o estilo do local entre os socios. Algo complicado e que levou os dous primeiros anos. Nese decidir man a man, marcaron a identidade do San Xián que se apoia no local e no próximo.

Anxo Otero demostra que autenticidade que autenticidade e calidade son compatíbeis

Desde apostar pola cervexa galega até empregar produto local "non tan vendíbel" pois, como di Anxo, "o local axuda aos conveciños" e ao consumidor, que desfruta de maior calidade. O estabelecemento outorga así unha visión hostaleira "sen fronteiras" para demostrar que autenticidade e calidade son compatíbeis e que se comece a implantar na contorna.

En colectivo: Da propiedade á barra, todo o mundo é clave

O estabelecemento  lévano Mari e Anxo Otero, tía e sobriño desde hai catro anos. Xunto a eles, un equipo humano de catro persoas: Nico González, Violeta Piñeiro, Raúl Barreiro e Sonia Rodríguez, que se encargan que non falte de nada nas 
tardes estivais.

Sons da ría: ritmos non industriais

Os sons do local son variados xa que, froito dos catro anos activos, os impulsores deste bar relacionáronse con artistas de diferentes ámbitos. Desta forma, pode haber desde música tradicional, tocada por varias persoas do equipo incluído o propietario, até mesmo rock indie. Calquera que sexa o son de cada tarde, o punto común é "separarse do industrial", sexa con rock, punk, ska ou pinchadas de electrónica para que a veciñanza poida desfrutar de música "moito máis alá das radios comerciais". Como di Anxo Otero, a cuestión é dar visibilidade a produtos galegos e de proximidade.

Península paradisíaca: nadar a boa temperatura

O Morrazo é unha península rodeada de praias de area fina e branca. A temperatura das augas da praia de San Xián, ao estar dentro da ría de Aldán, é maior que a doutras praias desta península bañadas directamente polo Atlántico, como a de Liméns, tamén en Cangas. 

 

Comentarios