Cales son as necesidades do persoal e das empresas de hostalaría?

Coa chegada do verán, un dos sectores con máis necesidade de persoal, sen ser o único, é a hostalaría. 'Nós Diario' analiza co Clúster de Turismo, Hostalaría.gal e sindicatos unha situación que se repite cada ano por estas datas.
Terrazas na céntrica rúa da Raíña, en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Terrazas na céntrica rúa da Raíña, en Compostela (Foto: Arxina).

A falta de persoal é un problema recorrente en determinados sectores relacionados con actividades con maior carga de traballo estacional. Coa chegada do verán, as máis sinaladas son aquelas relacionadas co turismo e nomeadamente a hostalaría. 

Na Galiza, en maio o número de afiliacións á Seguridade Social nese sector era de 84.142 persoas (63.066 no Réxime Xeral e 21.076 no Réxime Especial de Traballadores Autónomos, RETA). No primeiro a maior parte traballan no servizo de comidas e bebidas (52.386) seguido do de aloxamento (10.680). No segundo tamén é maior o número de autónomas e autónomos no servizo de comidas e bebidas (19.124) que no de aloxamento (1.952). O aumento de persoal antes do inicio do verán xa se notou en maio con respecto a abril, incorporáronse neste sector 2.384 persoas no Réxime Xeral e 102 no RETA.

Fontes do sector consultadas por Nós Diario evitan pór cifras á man de obra que necesita para afrontar este verán. Desde o Clúster de Turismo, o seu presidente, Cesáreo Pardal, recoñece a Nós Diario que a falta de persoal cando chega esta tempada é un problema “que se repite cada ano”. Cre que a principal causa está relacionada coa “desestacionalización” e pon datas ao período que máis preocupa: “desde xuño até finais de setembro”. Con este punto de partida, entende que as dificultades veñen “coa busca de estabilidade laboral todo o ano, algo que no noso caso non podemos facilitar”. Con todo, apunta que cada vez hai máis meses con traballo ao longo do ano, “mais non abonda como para ter contratado todo o persoal na tempada baixa”. 

Unha das desvantaxes da hostalaría, para Pardal, é “traballar cando o resto está de vacacións” polo que, malia que existen convenios “regulados”, aposta por amplialos e facelos máis atractivos para atraer persoal. En opinión do responsábel do Clúster, isto só sería posíbel desestacionalizando “ou cobrando máis o servizo para poder pagar máis”.

Máis profesionalidade

Desde Hostalaría.gal, a asociación que reúne o sector sobre todo na área de Santiago de Compostela e as súas comarcas, o seu presidente, Lois Lopes, explica a Nós Diario que o problema ten que ver por ser "un servizo inmediato que aumenta a carga de traballo no verán, igual que lles pasa ás cadeas de alimentación das zonas turísticas". Bota en falta que se afonde máis na formación de profesionais como unha das maneiras de achegar persoal específico ao sector hostaleiro. Con todo, recoñece que salarios e horarios non axudan a facer atractiva a hostalaría.

"Traballamos cando os demais están de festa e iso non o podemos mudar", asegura. En relación aos salarios, Lopes explica que para subilos deberían incrementar o prezo das consumicións "e agora mesmo non sería asumíbel para a clientela, tamén nunha gran parte con salarios baixos".

Exixencias do persoal   

Pilar Rei, delegada da CIG nun hotel en Compostela con 50 traballadoras e traballadores, recoñece a Nós Diario que antes de chegar o verán a falta de persoal “é brutal”. Polo estabelecemento pasa xente procurando emprego, mais “aos dous días abandona, hai moita rotación”, sobre todo por buscar “mellores condicións e compatibilizar coa familia”. Neste sentido, mesmo en empresas como na que está, “que mellorou horarios, quendas e días seguidos de libranza”, o problema é “a carga de traballo, semella que a hostalaría é incompatíbel coa calidade de vida”.No hotel teñen moitos eventos, algo que permite “que 70% do persoal traballe todo o ano”.   

Para Rei, o tema económico é importante. “No convenio da Coruña temos uns salarios moi baixos, en comparación a outros sectores”, asegura, e pon como exemplo que un axudante de cociña, “con pagas rateadas está nos 1.300 euros mensuais e cun rango superior a diferenza son 30 euros”. Ademais, cre que terían que mudar “traballar festivos, fins de semana e mellorar as quendas”.

O responsábel de hostalaría de UXT, Marcos Rodríguez, admite a Nós Diario que neste sector “o ruído ao redor das malas prácticas de certos empresarios non axudou a facer que sexa atractivo”. Con todo, considera que nos últimos anos se mellorou, por exemplo “eliminando pagos en B”. En relación aso salarios, considera que "por riba deles ten máis valor hoxe poder conciliar coa vida familiar, algo difícil en zonas moi turísticas".

Coincide nesta última apreciación o responsábel de hostalaría de CCOO, José Mirás. “Hai oferta de emprego mais non se atopa persoal”, asegura a Nós Diario. Unha das razóns, entende, é que “a xente xa non acepta as condicións que historicamente se daban neste sector” e non cre que sexa unha cuestión só económica. “Hai esa idea de pagar máis, vémola nos anuncios que chegan nestas datas e non é así: non se pode buscar persoal dun día para outro”, di Mirás.

A situación demográfica inflúe na falta de persoal

Entre as razóns que dá o sector da hostalaría para explicar a falta de persoal nestes meses está a situación demográfica. En opinión do presidente de Hostalaría.gal, Lois Lopes, "hai que afondar en como está o país, cunha crise demográfica profunda". 

Pola súa propia experiencia, sinala a Nós Diario que "a xente que está en idade laboral é moita menos da que estaba hai 30 anos cando comezamos". Outra razón, vencellada á anterior, é que, segundo Lopes, "a que está en idade laboral hai unha gran parte que é man de obra cualificada, con estudos universitarios, e faltan profesionais na hostalaría". 

Crise social

"Que non haxa man de obra para traballar non é só consecuencia das condicións laborais", entende Lopes. Para este hostaleiro compostelán hai unha "crise social que tamén está presente noutras profesións e sectores". Neste sentido, discrepa dunha das solucións máis recorrentes nos últimos anos: traer man de obra de fóra.

"Non creo que resolva o problema", entende o presidente de Hostalaría.gal, "teñen unha maneira distinta de entender esta profesión", agrega. Pola contra, di que axudaría "darlle unha volta ao sistema impositivo que castiga o persoal e os que queremos contratar".

Comentarios