Mariscadoras da ría do Burgo urxen un informe sobre o pago de axudas

A Confraría de Pescadores da Coruña demanda que se poñan de acordo as Administracións.
Protesta de mariscadoras da ría de O Burgo nunha foto de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta de mariscadoras da ría de O Burgo nunha foto de arquivo (Foto: Nós Diario).

Mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo (comarca da Coruña) exixiron esta quinta feira á Xunta da Galiza que elabore un "informe xurista" para esclarecer se é o Goberno autonómico ou o estatal o que ten que achegar unha solución ante a "situación límite" que sofren unha vez "malfinalizadas" as obras de dragaxe. Ao mesmo tempo, ínstanlle a que solicite unha mesa de control e seguimento desta obra.

"Pedimos que elabore un informe xurista para esclarecer dunha vez cal das administracións ten que asumir esta responsabilidade", explicou o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir. Fíxoo nunha rolda de prensa convocada tras a reunión o día anterior con representantes da Xunta e do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para abordar este asunto e á que non acudiu ningún membro da Administración española, feito que Baldomir cualificou de "vergoñoso".

"Cada vez que convocamos ás dúas administracións para expor a problemática ou non vén unha ou non vén a outra", lamentou tras alertar de que "hai xente que non ten solvencia económica para seguir adiante".

Lembrou que até que a cría medre, unha vez finalizadas as obras de dragaxe e acometida a semente, para poder traballar deben pasar "entre 18 e 24 meses". Por este motivo, Baldomir afirma que "non se pode permitir que por orgullos políticos e discrepancias de cores estean tiradas na rúa 76 familias sen poder traballar".

Na mesma liña, o patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Javier Mariñas, exixiu á Xunta e ao Goberno español que "deixen de utilizar a este colectivo como reféns e que se poñan de acordo" ante esta "situación total de desamparo".

Comentarios