Protesta sindical en Pontevedra pola falta de persoal en Correos

A repartición complícase coa chegada do verán, segundo os sindicatos.
Protesta esta quinta feira no Pavillón Postal de Mourente en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta esta quinta feira no Pavillón Postal de Mourente en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

Persoal de Correos, xunto a delegadas e delegados sindicais da CIG, CCOO, UXT e CSIF concentráronse esta quinta feira nas instalacións da avenida de Lugo, en Pontevedra, para denunciar a falta de persoal.

A protesta, que se está realizando en distintos centros durante estes días, cuestiona a escaseza de contratación ante a chegada do verán. 

A representación sindical apunta que se dobran zonas de repartición e no momento de pedir vacacións ou pedir días por asuntos propios, a empresa procede a axustar o persoal nos centros. No caso concreto de Pontevedra traballan, entre carteiras e carteiros urbanos e rurais, un total de 80 persoas. 

Segundo fontes sindicais, traballan na cidade 52 persoas entre a quenda de mañá e tarde. No caso do rural, traballan na actualidade 28 persoas.

O problema, segundo os sindicatos, é que cando falta un efectivo e Correos non contrata, o traballo desta persoa distribúese entre as empregadas e os empregados que están operativos.

No caso da repartición na zona rural a situación din que é aínda máis grave polas distancias que teñen que percorrer. 

Comentarios