Castelao vive 40 anos despois

Unhas xornadas están revisitando este sábado a súa figura no Museo do Pobo Galego.
Louzao (á esquerda) e Carril, durante a inauguración do acto, esta mañá de sábado. (Foto: Galiza Cultura).
photo_camera Louzao (á esquerda) e Carril, durante a inauguración do acto, esta mañá de sábado. (Foto: Galiza Cultura).

O Museo do Pobo Galego acolleu esta mañá de sábado a primeira etapa das xornadas ‘Revivindo Castelao: 40 anos de silencio e ocultación’.

Organizada por Galiza cultura, historiadoras, docentes, xornalistas e economistas falaron do contexto social e político da época e da efeméride da traída dos restos mortais de Castelao.

A inauguración correu a cargo de Anxo Louzao (portavoz da plataforma social Vía Galega) e Xosé Manuel Carril, presidente da entidade organizadora, quen tivo unhas palabras de agradecemento á área de Cultura da Deputación da Coruña por “facer posíbel a actividade”.

Despois, na primeira palestra Pilar Allegue introduciu Francisco Rodríguez, que falou sobre o legado do político e artista en ‘As razóns dun conflito’.

Á súa conclusión colleron a remuda Manuel Rei Romeu (‘O pensamento de Castelao’) e Pilar García Negro (‘Castelao, 40 anos despois), dando paso inmediatamente despois a unha rolda de preguntas e respostas nas que tiveron a oportunidade de participar as persoas asistentes.

Logo, a quenda de mañá das xornadas baixaron o pano cun debate titulado ‘A vitoria de non xurar’, no que participou Lois Diéguez, despois da proxección dunha peza audiovisual de Bautista Álvarez.

Comentarios