Aos 100 anos da súa morte, Lenin interpela a sociedade da globalización

Un congreso vén de afondar no pensamento de Lenin con especial atención aos escritos sobre a autodeterminación das nacións 
Unha das numerosas reunións do congreso
photo_camera Unha das numerosas reunións do congreso

 A recuperación dos chamados cadernos antropolóxicos de Karl Marx -coñecidos parcialmente a través da obra de Engels As orixes da familia, a propiedade privada e o Estado-, permitiron descubrir un Marx con posicións moi firmes sobre a ecoloxía a cuestión racial, a opresión nacional, o xénero e a cuestión colonial, uns temas que foron subestimados ou mesmo ignorados polos estudos clásicos sobre o autor, pero que adquiren unha importancia decisiva na axenda política dos nosos días.

Estudos como os de Kevin Anderson desvelan as posicións anticoloniais de Marx sobre India e China ou as súas reflexións sobre a emancipación de Polonia e Irlanda, permitindo albiscar un autor que conecta as cuestións de raza, xénero, nación e clase.

Porén, como é sabido, foi Lenin quen con máis contundencia analizou a cuestión nacional e quen fundamentou o dereito á autodeterminación das nacións, unha das súas máis importantes contribucións ao pensamento político do século XX.

 

O pensamento de Lenin

O Congreso Internacional sobre Lenin que vén de celebrarse en Barcelona -organizado pola Facultade de Filosofía da Universidade de Barcelona e polo Institut d'Estudis Cataláns no centenario da súa morte- escolleu precisamente a autodeterminación como un dos eixos -xunto co poder e a técnica- sobre os que xirou o debate para afondar na súa obra.

En numerosos escritos, entre os que destaca O dereito á autodeterminación das nacións (1914), Lenin estabeleceu as bases políticas para a emancipación das colonias dos antigos imperios europeos, mais tamén elaborou unha proposta que se estendeu até todas as nacións do planeta, incluídas as europeas.

 "Lenin é unha figura moi caricaturizada", declara a Nós Diario Rubén Cela, presidente da Fundación Galiza Sempre e participante, a título individual, no Congreso. "Fálase moito da súa actividade como activista e revolucionario pero, en xeral, non existe un tratamento serio da súa obra como pensador, que é dunha calidade e unha profundidade sobresaíntes".

Lenin, afirma Cela, "recolle ese último Marx que se posiciona contra o colonialismo británico na India ou que se manifesta a favor da independencia de Irlanda e Polonia. Pero, ademais, dálle un importante pulo no plano teórico ao exercicio do dereito á autodeterminación, enfrontándose á liña defendida por Rosa Luxemburgo, que proclamaba que a cuestión nacional debía subordinarse á loita de clases".

Efectivamente, Lenin subliña a distinción entre os nacionalismos das nacións oprimidas e os nacionalismos das nacións opresoras, estabelecendo que colonialismo e marxismo son incompatíbeis e que alí onde hai unha nación oprimida a loita de clases toma forma de loita de liberación nacional.

Tamén é coñecida a importante contribución de Lenin á análise da expansión global do capitalismo e o fenómeno do imperialismo, tal e como expón a súa obra O imperialismo, fase superior do capitalismo (1917). A análise leninista do capitalismo consiste nunha actualización das tendencias de acumulación monopolística de capital e do papel dos mercados financeiros que Marx xa albiscara, constituíndo así unha das súas principais achegas ao pensamento marxista. A súa relación co dereito de autodeterminación enmárcase en cuestións de máxima actualidade como os límites da soberanía dos Estados-nación, as relacións entre o centro global e a periferia, ou o papel das empresas transnacionais e do capital financeiro fronte ás organizacións internacionais e os estados, a súa repercusión nas democracias liberais ou o seu impacto sobre as traballadoras de todo o mundo.

"Na actualidade, a visión da loita de clases exclusivamente como a loita entre o proletariado e a burguesía é unha visión binaria reducionista da complexidade do mundo actual e das súas contradicións. Unha versión máis integral, madura e contextualizada no presente momento histórico configúrase como unha teoría xeral do conflito social e engloba unha gran variedade de loitas", afirma Cela.

 

Lenin e Castelao

En estreita relación con esa recuperación dos alicerces do pensamento de Marx liderada por Lenin, e que puña o foco na loita contra o imperialismo, sitúase o relatorio do profesor de Filosofía e historiador Xoán Carlos Garrido, que reivindica a figura de Castelao como a dun autor cuxo pensamento conflúe co de Lenin precisamente a partir da análise do nacionalismo como ideoloxía que fomenta a autoconciencia dun pobo sometido.

"Interesábame sobre todo estabelecer os paralelismos entre as maneiras de pensar de Castelao e de Lenin, á hora de desenmascarar a dualidade entre o que senten e o que fan determinados líderes de forzas de esquerda que declaran recoñecer o dereito á autodeterminación das nacións mais logo sempre dilatan calquera avance que leve á soberanía desas nacións negadas", declara Garrido en conversa con Nós Diario.

Pon como exemplo o Estado español, que, na época de Castelao, non só negaba a autodeterminación das nacións sen Estado da península senón tamén a dos territorios do norte de África, "posesións das que se negaban a desprenderse moitos dos máis revolucionarios esquerdistas españois". Garrido defende que tanto Lenin como Castelao enfrontan a análise do poder como relación, "contextualizada dentro dun todo, e inserida no marco dun proceso histórico concreto para detectar aquelas contradicións que é preciso estourar para avanzar na emancipación do ser humano. Recuperan a dialéctica ao que renunciara certo marxismo institucional", engade.

Nese sentido é como hai que interpretar a súa asunción da definición de nación de Stalin. "Unha das argucias dos que se opuñan ao exercicio do dereito de autodeterminación era negar a condición de nación a aqueles que querían implementalo. Castelao apóiase na definición de Stalin para soster a aplicación deste principio universal ao pobo galego. Servíase do prestixio que naquel momento tiña o líder soviético para utilizar as súas teses, co obxectivo de confrontar a aqueles que o dicían seguir, mais que se opuñan aos avances no recoñecemento da Galiza como nación". 

Comentarios