A Mesa mobilízase en Ourense en defensa da toponimia e contra a súa deturpación

Ducias de persoas concentráronse esta segunda feira ante os xulgados de Ourense, convocadas pola Mesa pola Normalización Lingüística, en protesta pola chamada a declarar como investigadas de activistas por unha suposta actuación en defensa da legalidade do topónimo da cidade das Burgas. As denunciadas acolléronse ao seu dereito de non declarar
Concentración, esta segunda feira ante os xulgados de Ourense. Marcos Maceira, no centro da imaxe (Foto : Nós Diario).
photo_camera Concentración, esta segunda feira ante os xulgados de Ourense. Marcos Maceira, no centro da imaxe (Foto : Nós Diario).

Membros da Mesa pola Normalización Lingüística e simpatizantes concentráronse esta segunda feira ante os xulgados da cidade de Ourense, coincidindo co chamado para declaración xudicial como investigadas de dúas persoas por causa de supostas actuacións nun balado que promovía a deturpación desta cidade. 

En declaracións a Nós Diario, o presidente da entidade, Marcos Maceira, rexeita "que se culpe a estas persoas de querer que se cumpra o artigo 10 da lei 3/1983 de Normalización Lingüística que indica que “os topónimos de Galiza terá como única forma oficial a galega”. Neste sentido, considera que "hai unha vaga xeneralizada no país de retroceso en relación á toponimia".

Maceira pon como exemplos "aplicacións de xeolocalización e varios ámbitos da Administración pública, como pode ser a TVE". O presidente da Mesa entende que se está chegando "a niveis de deturpación da toponimia que eran descoñecidos" e bota en falta "unha resposta da Administración para corrixilo".

Pola contra, non entende que se dean casos como o de esta segunda feira "onde se acusan persoas por defender a legalidade". Por este motivo, desde A Mesa, ademais de mostrar a súa solidariedade, reclaman que as Administracións "respecten e actúen ante o que é a pegada da lingua galega no territorio" e non tenten "borrar a súa memoria e a súa presenza na Galiza".     

"Buscan protagonismo"

Ao remate da comparecencia nos xulgados, o avogado da defensa, Xoan Antón Pérez Lema, informaba aos medios de comunicación que as dúas persoas acusadas que chamaron a declarar "exerceron o seu dereito a non facelo". 

A razón do seu chamamento está relacionada cunha investigación realizada tras unha denuncia da asociación ultraespañolista Hablamos español presidida por Gloria Lago, coñecida no país por ser a cabeza visíbel de Galicia Bilingüe. Pérez Lema engadiu que Lago introduciu, ademais dos danos, a idea de que houbo un delito de odio, "cando o delito de odio está para defender os dereitos dos colectivos minorizados, que non é o caso". 

"É unha denuncia claramente política que nace dunha falta de respecto á cidadanía de Ourense e busca dividir", afirmou  diante dos xulgados o avogado defensor, "lembremos que o legal e o único topónimo da cidade é Ourense en todo o mundo". Pérez Lema considerou que "todo este tipo de denuncias queren buscar unha división social e buscar un protagonismo para aqueles extremistas que son rexeitados de maneira unánime pola cidadanía galega". 

Ademais, criticou que para este tipo de casos "empreguen gravacións unidas a un atestado policial, que son recursos públicos para unha mostra máis de crear xenreira nesta sociedade" polo que  "entendemos un uso desproporcionado para un mero delito de danos polo que pediremos a nulidade desas gravacións".

Comentarios