A Mesa convoca unha concentración o día 1 de xullo en Ourense, “en defensa da única toponimia lexítima e oficial”

O presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, recorda que "as campañas recorrentes contra a toponimia galega son un ataque á nosa dignidade colectiva que non podemos admitir e do en moitas ocasións participan directamente organismos públicos".
Exemplo de toponimia deturpada na sinalización viaria (Foto: Nós Diario)
photo_camera Exemplo de toponimia deturpada na sinalización viaria (Foto: Nós Diario)

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca unha concentración en apoio “da única toponimia lexítima, oficial e legal” a segunda feira 1 de xullo ás 11:45 horas diante dos xulgados de Ourense, coincidindo co chamado para declaración xudicial como investigadas dunhas persoas por causa de supostas actuacións nun balado que promovía a deturpación do nome da cidade das burgas.

 A mobilización terá por lema Ourense polo seu nome e pódese apoiar na rede, a través da asinatura do manifesto polo respecto á legalidade na toponimia dispoñíbel aquí.

O presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, recorda que "as campañas recorrentes contra a toponimia galega son un ataque á nosa dignidade colectiva que non podemos admitir e do en moitas ocasións participan directamente organismos públicos".

 "Ademais de balados insultantes ou chamamentos a incumprir a lei", denuncia, "encontrámonos frecuentemente con vulneracións da lei promovidas desde institucións públicas". Neste sentido, recorda que o pasado 13 de marzo unha resolución do Ministerio de Agricultura e Pesca publicaba unha resolución empregan o nomes como Mugía, Lage, Puentedeume ou Santa Eugenia, alleos a Galiza e fóra de calquera uso legal desde hai case 41 anos.

Maceira apunta que o artigo 10 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística recolle que “os toponimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, o que se contempla tamén en acordos internacionais como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas ou o Convenio marco para a protección das minorías nacionais, promovidos polo Consello de Europa.

 "O acordo da sociedade galega respecto á denominación dos nomes dos lugares é unánime", afirma o presidente da Mesa, "e só é cuestinado desde postulados ideolóxicos que desde o supremacismo lingüístico e cultural pretenden, desde fóra, sementar a división e o enfrontamento no noso país atacando calquera expresión de identificación da sociedade galega consigo mesma, coa súa lingua e coa súa forma de denominar todos os espazos do seu territorio". "Empregan o desprezo, a mentira e a manipulación para dicirnos como temos que ser e como temos que nos chamar", sentencia.

Comentarios