EUROCOPA

A PREVIA | Todo o que debes saber dos oitavos de final da Eurocopa 2024

Suíza-Italia e Dinamarca-Alemaña abren este sábado a segunda fase da competición continental que se disputa en Alemaña.
32 anos e dous días despois dunha das maiores sorpresas na historia do fútbol, Alemaña e Dinamarca reeditarán a final da Euro '92. (Foto: UEFA).
photo_camera 32 anos e dous días despois dunha das maiores sorpresas na historia do fútbol, Alemaña e Dinamarca reeditarán a final da Euro '92. (Foto: UEFA).

Rematou a vixilia futbolística, pois o mellor fútbol do continente regresa este sábado logo de dúas xornadas de descanso que os 16 equipos sobreviventes aproveitaron para repor forzas e tratar de implementar os retoques e axustes necesarios que lles permitan superar a rolda de oitavos de final.

A acción comezará ás 18 horas  no Olympiastadion de Berlín cun choque entre unha Suíza invicta no torneo e unha Italia que volveu evidenciar que é sinónimo de resiliencia após lograr a clasificación grazas a un agónico tanto no minuto 97. 

Por iso, e a pesar da solidez demostrada pola escuadra helvética, que tivo contra as cordas a anfitrioa, Alemaña, que só foi quen de rañarlle un empate logo de ir a remolque durante a práctica totalidade do encontro durante o seu duelo na fase de grupos, a Nazionale, que como os saiyan en Dragon Ball Z, adoita volve máis forte das situacións próximas á morte, é favorita para avanzar a cuartos.

Tamén semella superior sobre o papel a selección alemá na eliminatoria que a medirá con Dinamarca (Westfalenstadion de Dortmund, 21 horas).  Con tres empates no seu haber, e, polo tanto, sen saber aínda o que é gañar, un triunfo dos envellecidos Christian Eriksen,  Kasper Schmeichel e compañía sería unha sorpresa de similar magnitude á que protagonizaron o pai do actual porteiro do Tomate Mecánico (Peter Schmeichel) e o resto dos integrantes do equipo danés na final da Euro '92.

Xa o domingo será a quenda do Inglaterra-Eslovaquia e o España-Xeorxia. Os Pross, moi cuestionados tanto pola afección como pola prensa do seu país ante o pobre nivel de xogo exhibido até o momento, chegan coa cabeza baixa a un partido ante un rival teoricamente inferior como é Eslovaquia (Veltins Arena de Gelsenkirchen, 18 horas), que está liderada desde o centro do campo por un ex futbolista do Celta, Stanislav Lobotka.

Para as 21 horas do domingo, e no RheinEnergieStadion de Colonia, fica o España-Xeorxia. A Roja impúxose nas seis ocasións nas que colidiron até o de agora, inflixíndolle ao seu rival mesmo goleadas de escándalo, como un 7-1 no pasado mes de setembro de 2023. Non obstante, mal farían Luis De la Fuente e os seus pupilos en baixar a garda, pois os Cruzados son a gran sensación da competición, pasando incluso por enriba da Portugal de Cristiano Ronaldo.

A Seleção debe redimirse ás 21 horas da segunda feira a costa da Eslovenia de Jan Oblak -quizais, o mellor porteiro até o de agora- no Frankfurt Arena coa incógnita de saber que versión mostrarán os lusos. Ademais, tres horas antes, ás 18 en Düsseldorf, Francia e Bélxica disputan un encontro moi aberto.   

Comentarios