O Básquet A Coruña, cada vez máis perto de completar a inscrición na ACB de baloncesto

A escuadra herculina confirma que deixará Riazor para xogar como local no Coliseum.
O flamante campión da LEB Ouro vese obrigado a abandonar o recinto no que logrou o ascenso. (Foto: Alfonso Novo / Básquet A Coruña).
photo_camera O flamante campión da LEB Ouro vese obrigado a abandonar o recinto no que logrou o ascenso. (Foto: Alfonso Novo / Básquet A Coruña).

O recentemente ascendido Básquet A Coruña, que durante a tempada 2024/25 militará -se nada o impide- por vez primeira na súa historia na máxima categoría do baloncesto estatal, a Liga ACB, continúa "ultimando" os traballos para certificar a súa condición de conxunto da elite.

"Estamos compilando toda a documentación necesaria", din, engadindo que entre os "requisitos fundamentais" esixidos pola organización está "superar unha auditoría de contas sen incidencias non solucionábeis", así como "realizar un primeiro pago, correspondente á achega económica obrigatoria para poder participar nas competicións da Asociación de Clubs de Baloncesto, de 654.459,58 euros, IVE incluído", cifra que medrará até os 2.617.838,32 euros -a pagar en tres anos- no caso de eludir o descenso.

Ademais, a ACB esixe un recinto deportivo cunhas condicións moi específicas que non respecta o Pazo de Riazor, fogar da escuadra laranxa ao longo das últimas campañas, polo que xa é oficial o traslado ao Coliseum.

"O Leyma Básquet A Coruña disputará os partidos correspondentes á Liga no Coliseum, unha vez que o Consello Reitor do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) -entidade a cargo da xestión do recinto- acordou o texto do documento regulador da súa cesión", indicou o club nun comunicado.

No mesmo, revela que o uso será "gratuíto" para a entidade, e que, ademais de xogar partidos, poderá adestrar no Coliseum naquelas semanas no que non teña programados outro tipo de eventos culturais, como concertos de música -na noite desta quinta feira acolle un da banda mexicana Maná-, espectáculos de circo ou  carreiras de motocross.

Esta cesión realízase co compromiso por parte do IMCE de que o Coliseum adoptará todas as normas do regulamento dunha ACB que informou ao Leyma de que todo deberá estar preparado a mediados de agosto, xa que os partidos comezan o 12 dese mes.

Nova estrutura organizativa 

Por outra parte, e nesta liña de cambios que vén afrontando desde que certificou o ascenso hai algo máis de mes e medio, o Básquet A Coruña tamén confirmou unha serie de movementos internos de cara a "perfilar o proxecto a nivel deportivo, social e institucional para encarar con solvencia o debut e lograr a consolidación na elite". 

Así, Joaquín Aneri asinou como novo director xeral dun equipo que contará con seis áreas, tres delas de nova creación: Desenvolvemento de Negocio e Comercial (Iago Álvarez), Dirección de Operacións e Eventos (Miguel García) e Dirección Deportiva (Charlie Uzal).

Comentarios