O Pescados Rubén Burela xa é hexacampión de Liga logo de derrotar o Atlético Navalcarnero (4-0)

As mariñás foron moi efectivas en ataque e souberon defender a renda adquirida nos primeiros minutos cunha Caridad estelar na portería.

BURELA
photo_camera As campioas (Foto: Sabela Blanco e Manu Gil - CD Burela FS)

O conxunto feminino do Pescados Rubén Burela xa é hexacampeón de Liga despois de vencer ao Futsi Atlético Navalcarnero por 4-0 nun terceiro partido no que un animado Vista Alegre empurrou o conxunto mariñán cara á vitoria. Con este sexto título ligueiro, a entidade burelista iguala no alto do palmarés da competición co seu rival nesta final e co Femesala Elche. Ademais, o conxunto laranxa suma 14 dos 16 títulos estatais que se disputaron desde aquela Copa da Raíña vencida polas laranxas en Vista Alegre no peche da tempada 2018/2019.

O encontro foi moi igualado e a maior efectividade local, unida a unha actuación estelar de Caridad, decantou a balanza ao lado mariñán. As discípulas de Julio Delgado xa vencían por 2-0 ao descanso e na segunda metade, a pesar de que as atléticas tentaron remontar co xogo de cinco durante o últimos dez minutos e medio de partido, o conxunto local mantivo a súa porta a cero e Antía Pérez e Cami sentenciaron o partido nos tres últimos minutos cun gol de dobrepenalti e outro desde campo propio aproveitando que a portería visitante estaba desguarnecida.

As burelistas comezaron o choque apertando o marco defendido por Marta Balbuena. Primeiro tentouno Irene Samper cun remate forzado e segundos despois Emilly atopábase coa cruceta da portería navalcarnereña. Quen xa non fallou foi Dany no segundo minuto de xogo. A hispano-brasileira facía unha parede con Irene Samper e plantábase soa diante unha Marta Balbuena que medía mal na súa saída e era superada cun sutil toque por Dany, que despois só tiña que marcar a porta baleira.

O gol cambiou por completo o guión do partido e o Futsi acurralou durante uns minutos ao Burela nas inmediacións do marco defendido por unha Caridad que se viu obrigada a multiplicarse para deter as acometidas das visitantes. Primeiro conseguía sacar un man a man a Laura Córdoba para seguidamente despexar cun auténtico paradón outro lanzamento da propia Laura Córdoba á saída dun libre indirecto na frontal.

Despois de catro minutos de asedio, as mariñás sacudíanse a presión cun disparo de lonxe de Antía Pérez, que despexaba con apuros Marta Balbuena a córner. Á saída do mesmo, Patricia enganchaba unha volea que se ía rozando o pau da portería madrileña. Con todo, a presión atlética non baixou e Irene Córdoba estaba a piques de anotar o empate, mentres que un minuto máis tarde era María Sanz a que se atopaba co pau da meta de Caridad.

Cando máis sufrían as burelistas chegaba o 2-0. Dany loitaba por un balón na esquina esquerda do ataque local e acabábao levando para poñelo cara atrás e que Irene Samper chegase e batese por baixo a Marta Balbuena coa perna dereita. O segundo tanto sentoulle moi ben ao cadro mariñán, que se foi quitando aos poucos a presión visitante. De feito, Cilene estaba perto de anotar o terceiro e Cami non podía aproveitar no segundo pau unha gran asistencia. Previamente, Caridad realizara outra sobresaínte intervención nun man a man ante Leti. As dúas últimas grandes ocasións do primeiro período estiveron nos pés de Cami e Irene Córdoba, pero a primeira non podía superar a Marta Balbuena e a segunda cruzaba en exceso diante do marco local.

O segundo tempo comezou cun disparo de falta ao traveseiro de Ari e un lanzamento de Patricia desde uns dez metros que despexaba ben Marta Balbuena, aínda que o número de ocasións descendería finalmente con respecto á primeira entrega. Dany, nun remate á media volta que sacaba con apuros Marta Balbuena e Irene, nun contragolpe, tiveron o terceiro, pero a mellor ocasión mariñá chegaba no minuto 29, cando Emilly se atopaba co pau da meta atlética e Marta Balbuena detiña o disparo posterior de Noelia Montoro tralo rexeite.

O técnico do Futsi, Sergio Bretón, apostou por María Sanz como porteira xogadora cando restaban máis de dez minutos para a conclusión, pero as Pícaras fixeron un grandísimo exercicio defensivo e apenas concederon ocasións. E cando as atléticas lograban superar as liñas defensivas locais era Caridad a que respondía sempre. Antía Pérez tivo o terceiro no minuto 35, pero o seu lanzamento desde campo propio íase ao pau.

 Non fallaría dous minutos máis tarde, cando si superaba Bea Parrón nun lanzamento de dobrepenalti. Cami marcaría o cuarto a porta baleira a menos de 10 segundos do final para levar o delirio absoluto ás bancadas dun Vista Alegre que xa era unha festa total.

Comentarios