ENTREVISTA

Manuel Pereiro: "A Xunta ten intereses en que non gañe as eleccións"

Manuel Pereiro (Vigo, 1960), un histórico do tenis de mesa galego, mantén desde hai uns anos unha batalla legal arredor de todo o acontecido nas eleccións á Presidencia federativa ás que foi candidato en 2022. Agora, denuncia neste xornal irregularidades e conflito de intereses arredor do organismo.
 
Considera que o proceso electoral "non foi como tiña que ser". (Foto: Nós Diario).
photo_camera Considera que o proceso electoral "non foi como tiña que ser". (Foto: Nós Diario).

—Foi vostede candidato a presidir a Federación Galega de Tenis de Mesa nos anos 2004, 2006 e 2022. Que pasou nesas últimas eleccións?
O resultado foi bastante amplo na Asemblea para a outra candidata, pero debido ao sistema electoral que hai nas federacións, resulta un pouco enganoso, pois cando hai dúas candidaturas non hai un reparto, vai todo para unha. 

A cuestión radica en que o proceso electoral foi moi guiado pola anterior directiva, que apoiaba a candidatura contraria á miña. E, ao mesmo tempo, tivo tamén un apoio bastante importante da Secretaría Xeral para o Deporte, polo que cando hai tantas partes interesadas resulta complicado que un proceso electoral federativo sexa, ademais de democrático, limpo.

—Vostede denuncia, entón, que ese resultado do proceso electoral de 2022 non foi limpo ao 100%.
Así é. A proba está en que se presentou un Contencioso hai ano e medio que foi resolto en Vigo a favor da miña candidatura e no cal denunciamos un procedemento administrativo nuns expedientes a principios do proceso electoral, non ao final, é dicir, non cando perdemos, senón ao inicio de todo, pola anterior directiva, e arquiváronsenos eses recursos no Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD) pese a ser presentados en tempo e forma.

Iso para min é como se comezas o partido e na primeira xogada expulsanche un xogador. O resto do proceso non foi como tivo que ser, deberianse de ter fechado eses recursos meus e despois, sobre esa resolución do CGXD, seguir co proceso ou inicialo de novo, como pedin naquel momento e como reclamo agora.

A cuestión é que, aínda que a sentenza foi favorábel, o xuíz deu opción a recurso de apelación, algo que o meu letrado considerou que non debía proceder, por ser un procedemento de moi pouca contía económica, pero que deu pé a que a Xunta da Galiza [un dos tres demandados xunto coa Federación Galega de Tenis de Mesa e a outra candidata a presidir o ente, Nuria Castro]  apele, o que supón un atraso para que este proceso volva facerse ben, razón pola que pedín cita para ver o conselleiro de Deportes, Diego Calvo, xa que o seu recurso prexudica a transparencia das eleccións.

—Cal era o obxectivo dese recurso ante o contencioso? 
A anulación da Asemblea Extraordinaria desenvolta pola anterior directiva para pór en marcha o proceso electoral onde se nomeou a Xunta Electoral e o resto do proceso electoral, por non ser feita legalmente. 

E despois, tamén se recorreu a convocatoria de eleccións, algo que tiñamos un prazo para impugnar. Son dúas cousas que poden ser resoltas en favor ou en contra miña, pero teñen que ser resoltas, que foi o que dixo o xuíz de Vigo. Así que, se finalmente se resolve ao meu favor, todo o que pasou despois non vale, habería que repetir o proceso electoral ao completo, pero xa estamos en 2024 e semella que non hai interese en que se repitan as eleccións, e iso é moi grave.

—Que explicación atopa a ese recurso por parte da Xunta?
É algo que non entendo, e menos con fondos públicos, pois en teoría a política non pode intervir nas federacións deportivas. A Xunta debería aceptar esa sentenza e deixar que o Comité de Xustiza Deportiva faga o seu traballo.

—Cre que hai unha colusión de intereses, por así dicilo, entre a Federación e o Goberno Galego?
Si. O anterior presidente, que foi candidato do PP en Bembrive e inhabilitado, ten intereses en que eu non gañe, pero o noso slogan, "transparencia e respecto", vaise levar até o final.

Pide "transparencia e respecto" na FGTM

Manuel Pereiro recoñece non ser "persoa grata nin cómoda", mais afirma que continuará coa súa "loita".

"O portal de transparencia da Federación Galega de Tenis de Mesa (FGTM) non respecta os estándares que obriga a lei; non temos a memoria de contas do ano 2022, e veño de presentar unha reclamación ante o Valedor do Pobo porque temos dereito a esa información pública; hai facturas pouco explicábeis... por todo iso, entendo que esta presidencia que temos agora está facendo de 'paraventos' á anterior", denuncia o candidato a presidente nas eleccións de 2022.

"A única forma de que este deporte evolucione é con transparencia e respecto, sen un presidente inhabilitado, sen auditorías negativas... todos os candidatos deben defender iso, e se alguén abraza esa bandeira, eu fareime a un lado, porque nunca me agarrarei á poltrona", conclúe Pereiro.

Comentarios