Moaña torna na capital nacional do ciclismo en estrada

Esta fin de semana as súas rúas acollen dous Campionatos da Galiza masculinos e todos os femininos.
En 2023 o Galego das mulleres tivo lugar no Concello do Rosal. (Foto: FCG).
photo_camera En 2023 o Galego das mulleres tivo lugar no Concello do Rosal. (Foto: FCG).

No 2024 a capital do ciclismo galego de estrada será Moaña. Esta localidade da comarca do Morrazo acollerá até catro Campionatos da Galiza, tendo lugar os tres primeiros deles esta mesma fin de semana.

Así, o sábado, en quenda de tarde, pugnarán polas camisolas outorgadas pola Federación Ciclismo Galego (FCG) os cadetes masculinos  e todas as categorías femininas, nunha carreira de mulleres que presentará un récord histórico de participación; 24 horas despois, o domingo día 30 de xuño, será o momento de brillar para os júniors masculinos

Todos estes certames están organizados pola Asociación Deportiva Punta Fondón, que tamén será a responsábel do Galego elite e Sub-23 masculino, programado o 25 de agosto, o que unido aos anteriores podería xuntar preto de 200 corredores e corredoras no Morrazo.   

Con respecto aos horarios destas intensas xornadas competitivas, ás 16 horas de mañá escoitarase o disparo de saída da proba cadete masculina; á conclusión da mesma, aproximadamente ás 18, comezará a pedalear a totalidade do pelotón feminino, formado por ciclistas cadete, júnior, Sub-23, elite e Máster; e xa o domingo, 30 de xuño, os júnior xogaranse o título nacional a partir das 10.30 horas.

Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; puxo en valor o feito de que a inscrición femenina xa se sitúa en 60 corredoras, polo que oficializou que o evento será "o que teña mellor participación de mulleres na súa historia", algo que resulta "especialmente emotivo" para un Concello de Moaña que, a través  da súa alcaldesa, Leticia Santos,  destacou que o organismo que dirixe cre "na aposta pola igualdade en todos os ámbitos da vida como algo fundamental", realizando ademais un chamamento á veciñanza "para que se sume e sexa partícipe, animando as persoas competidoras".

Un percorrido con centro en Concepción Arenal

A AD Punta Fondón preparou un percorrido que consta de dous circuítos polas estradas de Moaña. Tendo sempre como epicentro a Avenida de Concepción Arenal, todas as categorías realizarán primeiro un ida e volta a Domaio de 18,4 quilómetros. 

O segundo circuíto inclúe a subida ao Alto da Fraga, de terceira categoría, e ofrecerá até tres distancias: 45 quilómetros para as cadetes, as júniors e as másters; 59 quilómetros para as elite e Sub-23, así como para os cadetes, e 101 quilómetros para os júniors.

Comentarios