O Club Baloncesto Breogán asina o pivote estadounidense Ejiofor Onu

A última escuadra na que militou foi o Bamberg alemán.
Onu despuntou na NACC estadounidense. (Foto: CEBL).
photo_camera Onu despuntou na NACC estadounidense. (Foto: CEBL).

O Leite Río Breogán, un dos dous representantes da Galiza na máxima categoría do baloncesto masculino estatal -xunto co recentemente ascendido Básquet A Coruña-, a Liga ACB, confirmou durante a xornada de onte a fichaxe dun reforzo de altura.

Trátase do estadounidense de orixes nixerianas Ejiofor Onu, coñecido deportivamente como EJ Onu, quen aos seus 24 anos de idade vivirá a súa primeira aventura no campionato do Estado español.

Formado na Universidade Estatal de Shawnee (en Portsmouth, Ohio), onde xogou durante catro tempadas na NCAA cos Shawnee State Bears, os seus 2,11 metros de altura e o poderío físico dentro da pintura que caracteriza o seu xogo levouno a probar na Liga de Verán da NBA cos Dallas Mavericks, pasando tamén polos conxuntos da G1 Texas Legends e Memphis Hustle, antes de dar o salto ao campionato do Canadá da man do Elite Basketball League, onde acabou como mellor bloqueador do campionato grazas aos seus dous tapóns de media por encontro.

Tras alternar a liga canadense e a G League (en Santa Cruz Warriors e Niagara River Lions), xa no ano 2023 recalou na liga alemá. Alí, concretamente no Brose Bamberg da Basketball Bundesliga, EJ Onu fixo de media 8,5 puntos, 3,8 rebotes e 1,2 tapóns por partido, nos 34 choques da liga regular nos que participou, rematando como terceiro máximo taponador da liga alemá.

O Breogán definiu Onu nuncomunicado no que oficializou a súa incorporación como un "pivote atlético de gran envergadura e intimidador, que xoga por encima do aro, e bo finalizador na pintura", destacando tamén a "ameaza exterior" que representa para os rivais, grazas á súa "capacidade para anotar desde os 6,75 metros".

Comentarios