Baloncesto

O croata Veljko Mršić continuará dirixindo o Leite Río Breogán

A escuadra galega renova o técnico croata por un ano.
O técnico croata Vljko Mrsic. (Foto: Liga ACB).
photo_camera O técnico croata Vljko Mrsic. (Foto: Liga ACB).

O Leite Río Breogán, un dos dous representantes que terá a Galiza durante a campaña 2024/25 na máxima categoría do baloncesto masculino estatal, a Liga ACB, confirmou un segredo a voces: a continuidade de Veljko Mršić no banco da escuadra celeste.

A entidade presidida desde o Nadal de 2023 por Carmen Lence, nun breve comunicado, explicou que o croata vivirá"a súa cuarta campaña en Lugo", salientando, ademais, o feito de que "liderase o equipo en momentos históricos, que incluíron unha participación na Copa do Rei e o regreso á competición europea", definindo a súa renovación por un ano máis como "un primeiro e importante paso para iniciar a confección do cadro de xogadores que defenderán a camiseta do Breogán nunha nova Liga ACB".

Esta 2023/24 que vén de rematar foi a máis difícil do preparador de 53 anos na cidade da Muralla, pois ás dificultades sobre a pista, sufrindo até o último momento para garantir a permanencia na elite, uníronse escándalos extradeportivos, como a detención e posterior posta en liberdade con cargos de abusos sexuais e violación nos Estados Unidos da súa gran estrela, Ben McLemore, que pese ás acusación non foi apartado do grupo e seguiu xogando.

O Ensino ficha a escolta Alexy Mollenhauer

Outro equipo de Lugo na elite do baloncesto, neste caso do feminino, é o Durán Maquinaria Ensino, que esta segunda feira tamén estivo de actualidade. A razón é a contratación da escolta estadounidense Alexy Mollenhauer, quen xa conta con experiencia no básque europeo, pois procede do Estudiantes madrileño.

Comentarios