EUROCOPA

O lado 'fácil' da Euro fecha os oitavos

Un dos semifinalistas sairá do Austria-Turquía e o Romanía-Países Baixos.
Líder nun Grupo 'D' no  que superou Francia e Países Baixos, Austria é unha das revelacións do torneo.  (Foto: Europa Press).
photo_camera Líder nun Grupo 'D' no que superou Francia e Países Baixos, Austria é unha das revelacións do torneo. (Foto: Europa Press).

A Eurocopa de Alemaña baixa esta terza feira o pano dos oitavos de final, unha rolda marcada pola revolución dos modestos que supuxo a eliminación da vixente campioa, Italia, a mans de Suíza; o pulso que lle botou Dinamarca a unha anfitrioa que só puido gañar grazas ao apoio arbitral; e o susto que levou unha Inglaterra que precisou dunha xenialidade de Jude Bellinghan en forma de remate acrobático no minuto 97 para empatar ante unha Eslovaquia que no tempo engadido pagou o esforzo e non puido soportar a presión dos Pross.

Pero, como adoitaba dicir o defunto Pelé, "canto máis difícil é a vitoria, maior é a felicidade de gañar". Que llo digan senón a uns conxuntos que nos últimos anos non están moi habituados aos triunfos, como é o caso dunha Holanda moi minguada en comparación con xeracións anteriores de talentos neerlandeses e unha Romanía que está moi lonxe daquela gloriosa era a mediados dos anos 90 encabezada polos Raducioiu, Belodedici, Popescu, Hagi e compañía. 

Precisamente o fillo do Maradona dos Cárpatos, Ianis Hagi, é unha das grandes estrelas da escuadra dirixida por Edward Iordanescu, que colidirá cos Países Baixos que actualmente comanda outra lenda, Ronald Koeman, ás 18 horas desta terza feira no Fútbol Arena de Múnic.

Alí, os romaneses tratarán de demostrar que no fútbol moderno o traballo en equipo e o poder do bloque é superior ao talento individual do seu rival, que non foi quen de ocultar indiscutíbeis signos de debilidade na primeira fase que lle custaron unha dolorosa derrota ante Austria (2-3) no derradeiro compromiso do Grupo 'D'.

O Wunderteam, que como co Tricolorii, practicamente ninguén contaba a comezos do torneo, rematou en primeira posición dun Grupo 'C' no que colidiu cos propios Países Baixos e coa todopoderosa Francia, o que o converte en gran favorito para lograr un boleto para os cuartos de final no duelo que protagonizará con Turquía (Liepzig Stadium, 21 horas). Os otománs, que nunca dan un balón por perdido, encoméndase a Arda Güler para superar os austríacos. 

Comentarios