MÁIS

Rapasons, tradición e música en Sabucedo

O RapaSons contempla unha nova edición cargada de música e troula para todos os gustos. Desde mañá, o público asistente poderá mergullarse en diversos concertos e verbenas para animar a festa. A maioría de actuacións decorrerán no Curro ou no Campo de Medio, na parroquia de Sabucedo, na Estrada (Tabeirós-Terra de Montes).
Un aloitador durante a última edición da Rapa das Bestas de Sabucedo. (Foto: Sindo Novoa)
photo_camera Un aloitador durante a última edición da Rapa das Bestas de Sabucedo. (Foto: Sindo Novoa)

Durante a primeira fin de semana de xullo, diferentes puntos da parroquia de Sabucedo estarán cargados de música para todos os gustos co propósito de achegar o toque festivo á centenaria Rapa das Bestas. A maioría dos grupos, charangas e orquestras implicadas xa son veteranas nesta festividade.

O festival comezará mañá  cunha tradicional ruada con Tralha da Terra de Montes. Pola noite, Roi Casal, Adri Cumbia, O Sonoro Maxín e A Quinkillada darán o toque máis moderno á celebración. O sábado chega carga tradicional e folk para bailar de sobremesa. Alvariza e Comando Curuxás traerán as romarías ao presente. A veciñanza e visitantes poderán desfrutar de Tequexetéldere e Mekánika Rolling Band pola tarde no Curro. Por último, a partir das 23 horas, a verbena estará ao cargo de Miramar e América S.L. 

As Pandereteiras do Val de Quireza e os Festicultores Troupe, entre outros, darán o toque musical á Rapa das Bestas. 

O domingo,  poderase desfrutar ás 11.30 da mañá de Proxecto Valladares, grupo que pon en valor de novo a obra musical de Marcial Valladares. Ao longo do día tamén haberá actuacións de grupos emblemáticos da Rapa das Bestas como as Pandereteiras do Val de Quireza ou os Festicultores Troupe. Peter Punk e Lidia India tamén estarán nesta cita no Palco da Fonte. Todos eles serán os encargados de amenizar as horas previas e posteriores aos diferentes Curros. Toda a troula rematará a noite do domingo cunha verbena no Campo do Medio da man de New York e Los Coleguitas. 

O presidente da Asociación Rapa das Bestas, Paulo Vicente Monteagudo, sinala a Nós Diario que a organización se atopa satisfeita con todo o programa musical do RapaSons. “Apoiamos a música tradicional e festeira, pero sobre todo dándolle peso a todo aquilo que se faga na nosa lingua propia”, afirma.

Unha festa con historia

A parroquia de Sabucedo leva desde o século XVIII mantendo a tradición da Rapa das Bestas, aínda que diversos estudosos manteñen que a festa é máis antiga. A lenda e as crenzas orais contan que a orixe está nunha gran peste na comarca. Este feito provocou que dúas irmás ofreceran dúas bestas a San Lourenzo para protexerse da enfermidade. Tras a epidemia, as irmás cumpriron a súa promesa e entregaron as eguas ao párroco. Estas bestas non tardaron en multiplicarse polos montes da comarca. 

A Rapa das Bestas comeza coa relación dos propios cabalos co divino. A festividade enceta coa misa da alborada para pedir a San Lourenzo que protexa os animais e os aloitadores participantes na festividade. A partir dese intre, os veciños soben ao monte para reunir as bestas que levan todo o ano pacendo nos  campos da comarca. 

O Curro

A parte central da Rapa ten lugar no Curro, onde os aloitadores empregan toda as forzas dos seus corpos para controlar os animais e poder cortarlles as crinas. Trátase dunha festa con moita preparación e organización por detrás. Moitas das bestas atópanse en montes afastados e hainas que ir buscar con anticipación.

A presenza dos aloitadores é o que distingue a Rapa das Bestas de Sabucedo doutras rapas existentes ao longo da xeografía galega. Non se empregan cordas nin outros instrumentos para atar os animais, só a forza humana. A festividade é así tamén un modo de representar a relación do home coa besta, mostrando un profundo respecto cara a elas.

Diversos estudosos, como Manuel Cabada, manteñen que a Rapa representa dalgún modo o paso de neno a mozo. Os aloitadores comezan a practicar esta tradición desde novos, ocupándose de separar os poldros durante a Rapa.

Ao participar por vez primeira nesta festa, os mozos están dando un paso cara á súa propia madurez e integración na vila. “A Rapa, a tradición e a cultura van moi unidas. Son algúns dos nosos eixos principais e están nos nosos valores”, afirma con orgullo Vicente Monteagudo. 

A ameaza eólica contra a tradición

Con todo, non todo é festa na parroquia de Sabucedo. A Asociación Rapa das Bestas segue loitando contra a creación dos parques eólicos de Xubrinta e Alamoceiros, proxectados nos montes habitados polas bestas durante todo o ano. O primeiro estaría composto de 15 aeroxeradores e o segundo de 18, ademais de varias subestacións e quilómetros de viarios así como liñas de alta tensión. Na actualidade, ambos os proxectos de parques eólicos están paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Ben de Interese Cultural

O pasado 11 de xuño, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos declarou que a Xunta da Galiza incoará o expediente para considerar A Rapa das Bestas como Ben de Interese Cultural (BIC). A festividade reúne todas as condicións para conseguir esta denominación, tales como ser unha manifestación única no territorio, estar interiorizada pola veciñanza e ser un evento vivo preservado de forma tradicional. Desde a asociación esperan que os proxectos eólicos non avancen e que a declaración BIC permita protexer o territorio dos aeroxeradores. Precisamente, a Rapa conta desde esta cuarta feira coa protección BIC de patrimonio inmaterial ao publicar na cuarta feira o Diario Oficial de Galiza (DOG) a resolución da Xunta pola que dá inicio a este procedemento.

Vicente Monteagudo afirma que a Asociación Rapa das Bestas está preparada para facer difusión do proxecto eólico durante a celebración da Rapa e así concienciar todas as persoas que se acheguen á festa. Buscan contar coa axuda de toda a veciñanza e tamén de aquelas persoas que visitan Sabucedo por vez primeira. “Temos que pensar se é normal que se poidan facer parques eólicos en calquera sitio, afectando unha das tradicións máis emblemáticas da Galiza como é a Rapa das Bestas en Sabucedo, que xera miles de fotos en medios emblemáticos, como The Guardian, documentais e incluso películas, como a tan recentemente homenaxeada As Bestas”, di Vicente Monteagudo.

Polo momento, os eólicos están paralizados e desde a Asociación Rapa das Bestas esperan que esta situación se manteña e os proxectos non cheguen a termo para así preservar un hábitat, uns animais e unha tradición que levan séculos incorruptos.

Comentarios