Seis clubs aspiran a facerse coa XIX Bandeira de Traiñeiras da Pobra

O evento desenvolverse integramente o 6 de xullo.
Presentación XIX Bandeira Traiñeiras Concello da Pobra do Caramiñal, con Romero, Sobrido, Dieste e González. (Foto: Concello da Pobra).
photo_camera Presentación XIX Bandeira Traiñeiras Concello da Pobra do Caramiñal, con Romero, Sobrido, Dieste e González. (Foto: Concello da Pobra).

Os últimos meses foron moi intensos na Pobra do Caramiñal no que a deporte se refire cos diferentes campionatos de remo. Agora, a localidade do Barbanza dá a benvida ao mes de xullo no ámbito deportivo coa XIX Bandeira de Traiñeiras Concello da Pobra, organizada polo Club Remo Pobra co patrocinio do consistorio local. 

Esta constitúe, así mesmo, a regata de inicio das sete que conforman a Liga 'B' no 2024, e disputarana o sábado, día 6 de xullo, a partir das 17.30 horas na dársena do peirao comercial un total de seis clubs coas súas correspondentes embarcacións.

Deste modo, Club Remo Pobra, Club de Remo Cedeira, Club Regatas Perillo, Club do Mar Bueu, Club de Remo Chapela e Club de Remo Náutico Ribeira medirán forzas nunha competición que adoptará o formato de regata é en liña de dúas quendas, a seis longos e tres rúas, cunha distancia total a completar de 5.556 metros.

No acto de presentación desenvolto na xornada de onte, e que estivo conducido polo concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, tamén participaron a técnica municipal desta área, Ana Romero; o presidente da entidade organizadora, Emilio Dieste; e un dos remeiros do club, Adrián González.

Durante a súa quenda de palabra, Sobrido destacou a relevancia que ten o remo para a localidade: "Este 2024 é un ano moi especial para o remo, e, por extensión, para A Pobra do Caramiñal, ao ser esta práctica un dos nosos buque insignia no panorama deportivo e o Club de Remo Pobra un axente dinamizador da vida deportiva local".

O seu portavoz na presentación cualificou o 2024 como "apaixonante", dado o "número e magnitude dos eventos", prevendo que a Liga 'B' estará caracterizada pola competitividade e a igualdade entre todos os contendentes.

Comentarios