O Lugo oficializa os seus compromisos de pretempada

Debutará contra o Coruxo o 27 de xullo e finalizará fronte o Pontevedra o 17 de agosto.
A carreira de Lolo Escobar tocou teito na tempada 2021/22, cando dirixiu o Mirandés de Segunda. (Foto: CD Mirandés).
photo_camera A carreira de Lolo Escobar tocou teito na tempada 2021/22, cando dirixiu o Mirandés de Segunda. (Foto: CD Mirandés).

O Club Deportivo Lugo, un dos catro representantes da Galiza na Primeira Federación, vén de oficializar o calendario dos seus compromisos de pretempada.

En total, o conxunto albivermello disputará seis partidos, que lle servirán de preparación de cara ao inicio da competición da campaña 2024/25 na terceira categoría do fútbol masculino estatal.

Non obstante, en primeiro lugar desenvolveranse os recoñecementos médicos, programados os días 8, 9, 10 e 11 de xullo, polo que agardarán até o 15 dese mes para que comecen as sesións de adestramentos baixo ás ordes do seu flamente técnico, Lolo Escobar.

Con respecto aos partidos, o primeiro será no Vao ante a escuadra local, o Coruxo, o 27 de xullo. Catro días despois, o 31 de xullo, e en Vilalba, o Lugo medirá forzas co filial do Real Club Deportivo, o Fabril.

Contra outro equipo 'B', nesta ocasión o do Celta, colidirá o 3 de agosto en Portonovo, subindo o nivel dos seus rivais o 7 de agosto en Pol fronte un equipo que a piques estivo este ano de lograr o ascenso a Primeira División, o Sporting.

O seu penúltimo será o 10 de agosto en Xinzo de Limia co Ourense CF e, finalmente, baixará o pano da pretempada en Pasarón ante outro dos representantes do país na Primeira RFEF, o Pontevedra.

"Os horarios dos encontros están aínda pendentes de confirmación", aclarou o club nun comunicado. 

Máis en DEPORTES
Comentarios