Xustiza

Puigdemont querélase contra o xuíz Aguirre por presunta prevaricación e malversación

A querela, presentada nas últimas horas diante do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, cualifica de "arbitraria, estrafalaria e inxusta" a apertura dunha peza separada ordenada por Aguirre sobre a suposta "trama rusa" do 'procés' independentista.
O ex president catalán Carles Puigdemont a segunda feira. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
photo_camera O ex president catalán Carles Puigdemont, nunha recente rolda de prensa. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)

O ex president da Generalitat catalá Carles Puigdemont, o xefe da súa oficina, Josep Lluís Alay, e mais o avogado, Gonzalo Boye, presentaron esta terza feira unha querela contra o titular do Xulgado de Instrución 1 de Barcelona, Joaquín Aguirre, pola presunta comisión dos delitos de prevaricación e malversación.

A querela, presentada nas últimas horas diante do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, cualifica de "arbitraria, estrafalaria e inxusta" a apertura dunha peza separada ordenada por Aguirre sobre a suposta "trama rusa" do procés independentista. Os querelantes solicitan como medida cautelar o cesamento provisional do maxistrado na investigación que se segue no xulgado e que atribúe a Puigdemont, Alay e Boye un delito de traizón que non estaría incluído na Lei de amnistía.

No seu escrito, lembran que, como consecuencia da investigación de subvencións presuntamente fraudulentas concedidas por Convergència Democràtica de Catalunya (CDC) ás entidades Catmon e Igman, incoáronse catro pezas separadas, unha delas denominada 'trama rusa'. Esta investigación "mastodóntica e prospectiva, á vez que fantasiosa", tal e como definen, e na que "se incorreu en inxente gasto de diñeiro público", foi prorrogada e recorrida ante a Audiencia de Barcelona, que revogou esta medida.

"Sudoku procesual"

Os asinantes cuestionan, ademais, a "creación sen límite de pezas separadas, que deu lugar a que pola Sección 21 da Audiencia Provincial de Barcelona se lle denominase sudoku procesual", e tamén que o xuíz fixese caso omiso a este tribunal buscando unha solución alternativa, nas súas palabras, para continuar a instrución da 'trama rusa'.

"Así, vemos cal foi a actuación do maxistrado aquí querellado, quen bosquexa —só ou en compañía doutros— un plan para incumprir o auto ditado pola Superioridade, consistente en desprazar uns feitos investigados dunha peza a outra ou, dito doutra maneira, empregou un ilegal mecanismo de clonado desde unha peza até outra", afirman os querelados.

Na querela afírmase que, con ocasión da negociación entre o Goberno español e Junts sobre a Lei de amnistía, Aguirre "decidiu activar unha investigación sobre alta traizón, a fin de tentar que estes feitos non fosen amnistiados e incluír nesta investigación, inopinadamente, a miña mandante", en referencia a Puigdemont.

Comentarios