Medra a fenda salarial entre Galiza e o Estado: os salarios galegos son 9% inferiores

O salario medio medra na Galiza até os 1.744 euros mensuais, 170 menos que no Estado.
Traballadores do sector industrial. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballadores do sector industrial. (Foto: Nós Diario).

O salario medio galego subiu a 1.744 euros (+4,3%) mensuais en 2023, o que supón un novo máximo histórico, aínda que está 170 euros por baixo dos 1.914 euros da media do Estado español, segundo un informe difundido por Adecco esta quinta feira. O incremento do salario na Galiza foi, en concreto, de 855 euros por ano, cunha suba de 4,3% que, con todo, fica por baixo da alza de 5,1% do Estado, polo que se incrementa esta fenda.

Se se desconta a variación dos prezos ao consumo —o incremento do IPC na Galiza foi de 3,6%—, o poder adquisitivo no país aumenta 0,6%, o que se traduce en 134 euros máis ao ano. Con todo, tamén está por baixo do 1,5% de suba do poder adquisitivo no Estado.

A industria continúa continúa como o sector que ofrece as remuneracións máis elevadas na Galiza, con 1.957 euros por mes, cifra que bate o récord histórico para este sector e país. Os salarios son 12,2% máis altos que a media española.

O maior incremento relativo, pola súa parte, rexístrase na construción, un 5,5% máis (1.825 euros mensuais), seguido da industria (+4,4%) e servizos (+4,1%). Ao analizar a remuneración media dos distintos sectores da economía en base ao seu poder de compra real entre 2018 e 2023, o salario medio na Industria galega perdeu 4,6% en termos reais, xa que o seu aumento foi inferior ao crecemento dos prezos ao consumo.

En cambio, a construción gaña 2,9% de poder adquisitivo, que contrasta coa perda estatal do sector (-2,6%). Por último, os servizos gañan un 1,1% e atópase tamén por enriba da media estatal do sector (+0,5%).

Datos estatais

O salario medio da economía española gañou 1,5% de poder adquisitivo en 2023 tras subir 5,1%, até situarse nun máximo histórico de 1.914 euros mensuais, segundo o mesmo informe. Este incremento de 5,1% que experimentou o salario medio en 2023 supón 92 euros máis ao mes que en 2022, é dicir, 1.107 euros máis ao ano, que se suma aos aumentos interanuais dos últimos sete anos (2017-2023), sendo 2020, o ano da Covid, a única excepción deste período, cun descenso de 3%.

Segundo Adecco, a suba anual do salario medio en 2023 é a segunda máis elevada da serie histórica (2008-2023), unicamente por detrás da que houbo en 2021 (+6,6%). De feito, o salario medio apenas variou entre os anos 2011 e 2017, cando oscilou entre os 1.630 e 1.640 euros mensuais. Se se compara o salario medio de 2023 co de 2028, aumentou 15,4%; ou, o que é o mesmo, 256 euros máis por mes —3.072 euros máis ao ano—.

Descontando a variación do IPC da evolución do salario, Adecco conclúe que o salario medio gañou 1,5% de capacidade de compra, o que supón unha ganancia de 335 euros anuais. Con todo, se a comparativa se fai con 2018, o poder adquisitivo dos salarios caeu 0,6% (-136 euros ao ano), mentres que se se efectúa con 2008, a capacidade de compra do salario medio de 2023 é 5,6% menor que a de entón.

Comentarios