Novo rexistro horario, maiores sancións ás empresas e contratos parciais: todo sobre a redución da xornada laboral

O borrador do Ministerio de Traballo para que a xornada laboral baixe até as 37,5 horas semanais contempla unha mellora proporcional do salario se os empregados a tempo parcial manteñen as mesmas horas de traballo, entre outras importantes novidades.
O secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, e a ministra, Yolanda Díaz, este sábado. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera O secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, e a ministra, Yolanda Díaz, este sábado. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

O Ministerio de Traballo e Economía Social quere multar con até 10.000 euros por traballador ou traballadora as empresas que incumpran co rexistro horario e a redución da xornada semanal máxima a 38,5 horas en 2024 e a 37,5 en 2025, segundo consta no borrador do anteproxecto de lei para a redución da duración máxima da xornada ordinaria de traballo difundido este sábado pola axencia Europa Press.

Isto supón un endurecemento das sancións actuais en materia de xornada por dúas vías: en primeiro lugar, porque se multará as empresas por cada persoa en nómina coa que se incumpran as normas e non de maneira global, e por outra parte, porque o importe das multas, tipificadas como infracción grave dos empresarios, serán máis elevadas, pasando dun máximo de 7.500 euros a 10.000.

Así, de acordo co borrador, a transgresión das normas e os límites legais ou pactados en materia de xornada, traballo nocturno, horas extraordinarias, horas complementarias, descansos, vacacións, permisos, rexistro de xornada e, en xeral, o tempo de traballo sancionaranse, no seu grao mínimo, con multas de 1.000 a 2.000 euros; no seu grao medio, de 2.001 a 5.000 euros, e no seu grao máximo, de 5.001 a 10.000 euros.

Na lexislación actual da Lei sobre Infraccións e Sancións da Orde Social, coñecida como LISOS, o incumprimento dos límites legais do tempo de traballo sanciónanse con 751 a 1.500 euros no seu grao mínimo; con 1.501 a 3.750 euros no seu grao medio, e con 3.751 a 7.500 euros no seu grao máximo.

Así mesmo, Traballo sinala no borrador, entregado esta sexta feira aos axentes sociais, que se considerará a comisión dunha infracción por cada traballador ou traballadora afectada. No caso de incumprimento das obrigas en materia de rexistro de xornada unicamente se considerará a comisión dunha infracción por cada empregada nos supostos de ausencia de rexistro, así como nos de omisión de datos ou inclusión de datos falsos ou inexactos.

Novo rexistro horario

O texto enviado a sindicatos e empresarios, que será debatido nunha reunión con Traballo a vindeira segunda feira, fixa como obxectivo principal a redución da xornada semanal —en media anual— de 40 a 38,5 horas durante 2024 e a 37,5 horas a partir do 1 de xaneiro de 2025. Pero tamén introduce cambios no rexistro de xornada que se implantou nas empresas para garantir que realmente sexa eficaz.

"Presidido polos principios de obxectividade, fiabilidade e accesibilidade e interoperatividade", a intención de Traballo é impedir que se poidan falsear os datos do rexistro e que as empresas cumpran, de verdade, cos novos límites legais da xornada. Este novo rexistro será dixital e accesíbel, de modo automático, para cada traballador ou traballadora, as e os representantes sindicais e a Inspección de Traballo e Seguridade Social. Nestes dous últimos casos deberá, ademais, ser accesíbel de forma remota. A empresa terá que conservar os rexistros durante catro anos e estes estarán ao dispor de traballadoras, sindicatos e Inspección.

O borrador de Traballo remite a un regulamento, que prevé aprobar no prazo de seis meses, para o desenvolvemento dos contidos legais do rexistro, e estabelece que a concreción sobre o funcionamento do mesmo quedará fixado mediante negociación colectiva ou acordo de empresa ou, na súa falta, por decisión do empresario previa información e consulta cos representantes sindicais.

A totalidade do período transcorrido entre o inicio e a finalización da xornada reflectidos no rexistro será considerado tempo de traballo efectivo. O tempo que exceda da xornada ordinaria que resulte de aplicación, terá a consideración, segundo proceda, de horas extraordinarias ou complementarias.

O Ministerio atribúe a carga da proba ás empresas en caso de incumprimento das obrigacións de rexistro. En caso de incumprimento a respecto do persoal a tempo parcial, o contrato presumirase efectuado a xornada completa, agás proba en contrario que acredite o carácter parcial dos servizos.

Caso dos parciais

No documento de Traballo non se contempla intercambiar xornada ordinaria por xornada extraordinaria, é dicir, un aumento das horas extraordinarias para compensar a rebaixa da xornada ordinaria. Este punto xa o avanzaba o secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, que descartou "con rotundidade" este intercambio, aínda que cre que é posíbel que alguén —previsibelmente o empresariado— poña esta cuestión sobre a mesa.

Segundo o borrador, os contratos a tempo parcial cunha prestación de traballo de duración igual ou superior a 38,5 horas semanais en 2024 ou 37,5 horas en 2025 converteranse automaticamente en contratos de traballo a tempo completo. En supostos distintos, Traballo estabelece que os traballadores a tempo parcial terán dereito a seguir realizando o mesmo número de horas de traballo que viñesen efectuando antes da entrada en vigor da norma que regula a redución de xornada. Así mesmo, terán dereito ao incremento proporcional do seu salario, segundo proceda.

O texto contempla que os traballadores e traballadoras con xornada reducida terán dereito a seguir realizando o mesmo número de horas que viñesen efectuando antes da entrada en vigor desta norma, cos mesmos efectos salariais que os previstos para os contratados a tempo parcial. Estabelécese, ademais, que seguirán sendo de aplicación transitoria os limiares legais esixibles ás reducións de xornada no momento do seu inicio e até que decaian tales reducións, co límite absoluto do 31 de decembro de 2025.

Ademais, segundo o borrador, a persoa traballadora terá dereito a solicitar que a porcentaxe de parcialidade ou de redución da xornada que se lle viña a aplicando se manteña respecto da nova xornada en vigor. Con carácter xeral, estas solicitudes deberán ser valoradas pola empresa e a súa denegación deberá ser notificada pola empresa ao traballador "por escrito e de maneira motivada".

Mesa de diálogo social

Previa consulta a sindicatos e empresariado, o Goberno español sinala no texto que procederá no prazo de 18 meses a revisar a normativa sobre xornadas especiais de traballo para adecuar as ampliacións e limitacións na ordenación e na duración da xornada de traballo á nova xornada máxima legal.

Estabelécese tamén no documento a creación, por parte do Executivo, dunha mesa de diálogo social para avaliar os resultados da redución de xornada "e seguir avanzando na redución da duración máxima da xornada legal ordinaria de traballo, tendo en conta as características dos distintos sectores de actividade, a evolución da produtividade e as circunstancias económicas".

Comentarios