Cada 100 persoas en idade de abandonar o traballo ingresan 19 na Seguridade Social

O Instituto Galego de Estatística (IGE) deu a coñecer esta sexta feira os datos de afiliación de maio. O mes  concluíu con 1.011.490 persoas afiliadas en alta laboral. 

Lugo incrementou 2,8% na cifra interanual de afiliacións (Foto: Nós Diario).
photo_camera Lugo incrementou 2,8% na cifra interanual de afiliacións (Foto: Nós Diario).

Na Galiza, por cada 100 persoas que están en idade de abandonar o mercado laboral contabilízanse 19 persoas que ingresan ao sistema da Seguridade Social. É un dos datos que achegou esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre maio, un mes que rexistrou 1.011.490 de persoas afiliadas en alta laboral ao Sistema da Seguridade Social, 0,6% máis que o anterior 

Na cifra interanual, o número de persoas afiliadas aumentou nos sete grandes concellos galegos. O maior incremento experimentárono os concellos de Santiago, Lugo e Ferrol, cun aumento de 2,9% no primeiro e de 2,8% nos outros dous. 

Sobre a presenza de persoas estranxeiras, o IGE apunta que representan 5,6% e destacan en concellos próximos a Portugal, en Valdeorras e na Mariña. 

Por sectores de actividade, os concellos cunha maior porcentaxe de traballadoras e traballadores afiliados no sector primario atópanse nas comarcas da Terra Chá, Xallas, Terra de Melide, Arzúa e Deza. En relación ás afiliacións no Réxime especial do mar, municipios como A Illa de Arousa (O Salnés), Camariñas (Terra de Soneira) ou Muxía (Fisterra) tamén presentan altas porcentaxes nese sector. A industria, pola súa parte, ten maior peso na área de Vigo e nas comarcas de Valdeorras, O Barbanza, Caldas e O Sar.

No que respecta á construción, sobresaen os municipios da zona da Costa da Morte (excepto Corcubión e Fisterra) con porcentaxes de afiliacións superiores á media galega (7,4%); en Cabana de Bergantiños, por exemplo, esta porcentaxe alcanza 18,3%. Outros que saen da media son Gomesende, en Terra de Celanova (19,1%) e Cabanas, no Eume (18,4%). 

Por último, o sector servizos amosa un maior peso nos sete grandes concellos e nos seus municipios limítrofes. Cabe destacar os concellos de Santiago e da Coruña, onde máis de 85% das afiliacións existentes a finais de maio de 2024 correspondían a ese ámbito. 

Especialización produtiva

Por especialización produtiva, o IGE indica que as comarcas de Ferrol e Vigo están especializadas na rama da fabricación de material de transporte e grandes reparacións industriais. Hai tres comarcas con especialización na enerxía, subministración de auga e xestión de residuos (Terra de Trives, Ordes e o Eume) e tres na industria agroalimentaria (O Ribeiro, O Barbanza e O Salnés).

Por último, na industria da madeira, papel e mobles sobresaen as de Terra de Montes, As Mariñas, Terra de Celanova e O Carballiño.

Comentarios