O Goberno español propón limitar o financiamento público á prensa e Rueda critícao

Sánchez presentará o proxecto o 17 de xullo no Congreso.
Pedro Sánchez (PSOE). (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez (PSOE). (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Executivo do Estado español levará ao Congreso dos Deputados un proxecto lexislativo que incluirá “estabelecer un máximo de financiamento público para os medios de comunicación” posto que “o que está a suceder é que hai medios que soamente teñen recursos públicos e non teñen lectores”, sostivo a segunda feira o presidente estatal, Pedro Sánchez (PSOE).

O paquete de “rexeneración democrática”, que será presentado nunha comparecencia na Cámara Baixa o 17 de xullo, buscará entre outros aspectos impulsar a “transparencia” no financiamento de medios dixitais por parte da Administración, explicou, facendo fincapé en que “non é aceptábel que, con recursos públicos, se financie a desinformación”.

A pesar de que, sinalou, o proxecto xa está a ser traballado con Sumar, o socio minoritario do Goberno de coalición, e as forzas que permitiron a Sánchez ser investido presidente de novo o pasado ano, na súa inmensa maioría soberanistas, tras presentar o proxecto publicamente afirmou que iniciará unha rolda de contactos co resto de forzas con representación.

Perante as previsíbeis críticas procedentes do Partido Popular (PP), Sánchez asegurou que a “guía” estará “plenamente” en concordancia coas directivas aprobadas pola Unión Europea (UE) arredor desta temática, aprobadas co apoio do PP en Bruxelas, incidiu.

Sánchez remarcou que a desinformación dana a convivencia e o funcionamento das sociedades democráticas, ademais de “abrir a porta” ao avance da ultradereita. Con anterioridade, transmitira que habería unha reforma da lei de dereito á honra e do dereito á rectificación nese paquete legal, anunciado após tomarse uns días de reflexión persoal para analizar a súa permanencia no cargo despois de que a Xustiza española, controlada polos conservadores, comezara unha investigación sobre a súa parella, Begoña Gómez, a raíz de publicacións en medios de ultradereita e conservadores que a inculpaban por corrupción.

"Cumprir as ameazas"

O presidente galego, Alfonso Rueda (PP), criticou a medida e acusou Sánchez de “cumprir as ameazas”, insistindo en que “xamais me escoitarán a min nin a un membro do Goberno dicir que imos actuar contra os medios que contan cousas coas que podemos non estar de acordo”. Porén, mentres que a Xunta da Galiza liderada por Rueda entregará máis de dous millóns de euros de fondos públicos a medios afíns aos conservadores neste ano continúa manobrando para limitar o acceso de Nós Diario a axudas á prensa escrita.

Comentarios