"Unha mala noite": a Casa Branca desbota que Biden abandone a reelección tras a súa criticada actuación no debate con Trump

"A realidade da situación é que o presidente tiña un arrefriado e unha mala noite", afirmou Karine Jean-Pierre, voceira da Casa Branca.
O presidente estadounidense, Joe Biden (Foto: Casa Branca).
photo_camera O presidente estadounidense, Joe Biden (Foto: Casa Branca).

A Casa Branca afirmou esta terza feira que a criticada actuación de Joe Biden no debate da semana pasada contra o republicano Donald Trump debeuse a que o presidente tivo "unha mala noite", ademais de estar arrefriado.

Karine Jean-Pierre, voceira da Casa Branca, asegurou que a Administración de Biden considera lexítimas as preocupacións dos votantes sobre as capacidades físicas e mentais do presidente. "A realidade da situación é que o presidente tiña un arrefriado e unha mala noite", afirmou negando que se tratase dun episodio ou unha condición de saúde.

"O mesmo presidente dixo que xa non é un home novo nin un bo orador como adoitaba ser, e que non pode camiñar tan facilmente como antes [...], el mesmo o admitiu e chanceou sobre a súa idade moitas veces, estamos a recoñecer o que a xente está a ver, mais nesta ocasión foi só unha mala noite", insistiu a portavoz do Executivo dos EUA.

Jean-Pierre afirmou que despois do debate, Biden estivo nunha xira de campaña durante dous días e medio por catro estados, onde falou directamente con centos de votantes e doantes, ademais de dar discursos públicos en varias cidades.

A portavoz asegurou que nada vai cambiar tras o desempeño do presidente no debate, xa que Biden "sabe como facer o traballo, non só porque o diga el, senón porque o di o seu historial", explicou. "O presidente vai seguir centrándose no que estivo facendo", engadiu.

En canto á posibilidade de realizarlle unha proba cognitiva a Biden, Jean-Pierre asegurou que "non está xustificada" e "non é necesaria", engadindo que a Casa Branca foi "transparente" cos historiais médicos do mandatario e non planea publicar novos reportes de saúde "máis robustos".

"Sensíbel" ás enquisas

Con todo, afirmou que a Casa Branca é "sensíbel" ás enquisas que mostran que unha inmensa maioría dos e das votantes rexistradas consideran que Biden non ten a saúde mental e cognitiva para ser presidente.

Comentarios